Gonzalo Navaza: «A maneira máis intensa de ler unha obra é a que fai un tradutor»

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

.

O escritor e experto en toponimia foi nomeado onte académico de número da RAG

24 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Gonzalo Navaza (Lalín, 1957) é o novo académico de número da Real Academia Galega (RAG). Así se decidiu no pleno ordinario da institución celebrado onte. O escritor e tradutor é profesor do departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo e forma parte da RAG como membro correspondente vinculado ao Seminario de Onomástica desde o ano 2012.

Ademais da súa actividade literaria -premiada co galardón da Crítica Española de poesía por Fábrica íntima (1991) e Libra (2000) e co Martín Códax e o San Clemente de narrativa por Erros e Tánatos (1998)-, Navaza destaca polo seu labor no campo da toponimia, no que é un destacado especialista e unha das grandes referencias en Galicia. «Empecei nos oitenta, facendo un traballo de campo para corrixir os topónimos que estaban nos mapas do Instituto Xeográfico e aí, dedicando moitas horas, metinme totalmente», lembra.

-Había moito traballo por facer naquela toponimia desordenada?

-Si. Galicia ten unha riqueza toponímica impresionante. Todos os factores que favorecen iso danse cita aquí: orografía irregular, dispersión, fragmentación da propiedade... O problema é que era toponimia en lingua galega e estaba recollida maioritariamente desde o castelán. Había moitas incoherencias e non estaba ben codificada. Claro que había moito traballo. E aínda o hai.

-Se vou a Google Maps e busco a Illa de Arousa ou Sanxenxo sáeme «La isla de Arosa» e «Sangenjo».

-Iso ten que ver cunha decisión da Wikipedia española, porque esta información sae de aí. Sempre que exista unha tradución ao castelán dun topónimo das outras linguas do Estado, optan por ela. É unha incoherencia. O problema é a Wikipedia, non a nosa toponimia.

-Pero iso é unha forza moi grande. A xente busca información, vai a Internet e o primeiro que aparece é «Viana del Bollo».

-Si, pero logo hai bases de datos que rexistran o uso real. Se buscas Sanxenxo e Sangenjo, verás que o 99,9 % da poboación non ten ese problema. A Academia Española di que cando existe un exónimo, como por exemplo o de dicir Londres en vez de London, recomenda o seu uso. Pero é unha recomendación desequilibrada. En castelán a xente dicía Nuremberga e agora din Núremberg sen ningún problema. No caso do galego ten máis que ver cunha problemática doutro tipo, de respecto pola existencia doutras culturas e ese tipo de cousas.

-Traballou no dicionario de Xerais. Na súa etapa saíu «O pequeno Xerais», todo un «best seller».

-[Ri] Pois si. Dinme con frecuencia que foi o dicionario máis vendido na historia dos dicionarios galegos. Pero iso ten que ver coa incorporación da lingua galega no ensino e aquel era un dicionario escolar.

-Fixo a tradución de obras clásicas ao galego moi importantes. Ten algunha favorita?

-A min gústanme as de poesía, como As flores do mal de Baudelaire. Creo que é un traballo moi laborioso e gústame especialmente. Seguramente, a maneira máis intensa de ler unha obra é a que fai un tradutor.

-«As flores do mal» é desas obras que perturban a adolescencia e cambian moitas vidas.

-Si, eu fun lector adolescente de Baudelaire, pero a tradución fíxena xa de adulto.

-Quedan moitos clásicos por traducir ao galego. Algún baleiro que lle gustaría encher?

-Xa que falamos de Baudelaire, gustaríame traducir a Verlaine. Eu tento imitar a música dos orixinais. Non é un tipo de tradución que se faga moito aquí.

-Que palabra metería no dicionario galego que aínda non está?

-Moitas. Hai pouco fun a unha conferencia de Rosario Álvarez, que tamén é académica, e falaba de palabras ventureiras, algunha das cales proceden de América. Falou da palabra changüí, que se di cando lle dás vantaxe a alguén. Eu son de Lalín. Na miña infancia era moi habitual e empregábase moito.