Peregrinos Musicais crece e programa quince concertos en sete localidades

M. García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. ADOITAR

Contará con sete novos virtuosos europeos

08 sep 2021 . Actualizado ás 12:18 h.

O festival de música clásica Peregrinos Musicais estende os seus dominios na súa undécima edición. Ademais de ser a primeira vez que escolle aos sete novos valores europeos participantes a través dun proceso en liña, as súas actuacións chegarán a máis localidades. Deste xeito, serán unha quincena de concertos, tanto coa participación dos intérpretes emerxentes como doutras formacións, repartidos por sete poboacións e a partir do próximo 11 de setembro.

Ademais da Santiago, o certame recalará en Valga , Abadín, Cambados, A Guarda, Lourenzá e Padrón. O primeiro concerto será o sábado a cargo do dúo Gamma en Santiago, onde tamén actuarán os novos valores tanto en solitario como con outros artistas. Ademais, coa colaboración do proxecto O Teu Xacobeo, programan oito concertos: tres a cargo do cuarteto Matangi e Ilona Timchenko -pianista de recoñecido prestixio, e fundadora e directora artística do Festival Peregrinos Musicais- e cinco do cuarteto Rastrelli.

Novos valores

O eixo de Peregrinos Musicais confórmano os novos valores. Nesta ocasión son sete. Haberá un único galego, Xurxo Morales , que terá que competir polo premio na denominada Gala de Laureados con Sira Pellicer (Valencia), Alberto Sanz (Madrid), Emma Naegele (Países Baixos), Maddi Arriola (País Vasco), Alenxandre Arurtyunyan (Portugal) e Bastian Uhlig (Alemaña). O público será o encargado de elixir ao gañador do premio de mil euros durante o concerto que ofrecerán xunto á Real Filharmonía o día 17 de setembro no Auditorio de Galicia (Santiago). «Estes xoves talentos están ao nivel de músicos consagrados», asegurou o mestre Maximino Zumalave. A directora do certame, Ilona Timchenko, destacou o «enorme» incremento no nivel dos músicos, especialmente en España. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o alcalde de Santiago, Xosé Bugallo, resaltaron onte a transcendencia do ciclo.