«Jungle Cruise»: Folgado artefacto para o despacho de billetes

Miguel Anxo Fernández

CULTURA

Frank Masi

Disney encoméndalle a película ao español afincado en Hollywood Jaume Collet-Serra, que loce oficio pero carece de selo autoral

03 ago 2021 . Actualizado ás 10:27 h.

Van de cara. Disney tiña moi claro o seu obxectivo con este artefacto: potenciar o espectáculo homónimo en Walt Disney World Resort, preto de Orlando, en Florida, para facer caixa -estréase simultaneamente na súa plataforma, 30 dólares para o mercado local (22 euros en España)-, e encomendarllo ao español afincado en Hollywood Collet-Serra, que loce oficio pero carece de selo autoral. O guion a seis mans fagocita franquías como Indiana Jones e Piratas do Caribe, xunto a uns chiscos doutras, sumadas á principal referencia: o clásico de John Huston A raíña de África (1951), con Bogart e Katharine Hepburn, a base da atracción orixinal. Considerando que a prioridade de Jungle Cruise é a chavalada, dentro desa nebulosa que o mercado etiqueta como target familiar, a operación sairalles redonda e, ou moito equivocámonos, ou xa temos serie para longo, co soseras Dwayne Johnson disfrazado do aventureiro Frank Wolf -cuxo orixe biolóxico se remonta ao século dos conquistadores-, xunto á intrépida Lily Houghton, ben vestida por Emily Blunt, que vai e crello.

O de folgado é porque á trama ou ben lle sobra media hora ou ben alguén -director e guionistas, ou ambos- non foron capaces de romper o bucle que, a metade da metraxe, ameazaba con outro día da marmota, con situacións reiteradas que, ademais, cargan de chumbo o ritmo. A procura dunha flor milagrosa é o que move aos personaxes e remóntase ao XVI e a Lope de Aguirre, nun crebo histórico que se antolla innecesario por introducir un elemento real nunha fantasía desmadrada. Ocorren cousas, pero desde o minuto uno intuímos que todo acabará ben, sen posibilidade dalgún crebo sorprendente. A pericia de Collet-Serra queda confirmada na secuencia inicial, que ben poderían ter filmado Spielberg ou Verbinsky, aínda que o resto da metraxe desenvolverase unhas veces por carreiros pedregosos e, outras, por camiños máis despexados. Engádase o agardado e consabido despregamento dixital, e todos contentos. Un entertainment ao uso para engrosar o despacho de billetes en adversos tempos de covid.