«Cultura non Camiño» levará 650 espectáculos a máis de media Galicia

ÓSCAR LÓPEZ / i. c. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

CATUXA PRIETO

Máis de 240 formacións actuarán en 163 concellos ata setembro

29 jul 2021 . Actualizado ás 16:53 h.

A novena edición do programa «Cultura non Camiño» ofrecerá 650 funcións ao aire libre en 163 concellos coa participación de máis de 240 formacións artísticas. Os espectáculos do ciclo, que xa comezaron o pasado 15 de xullo e desenvolveranse ata o 30 de setembro, están centrados no ámbito das artes escénicas e musicais, especialmente a danza, a maxia, a música, o novo circo e o teatro.

Estes eventos, que contan co patrocinio de Gadis, están financiados pola Xunta en colaboración cos diferentes concellos, que recibirán unha subvención do 60 ou o 80 % do custo das actuacións, ata un máximo de 6.000 euros, en función de se superan ou non os 20.000 habitantes. O custo total do programa «Cultura non Camiño» será dun millón de euros, o que representa un incremento do 33 % respecto ao ano pasado.

No acto de presentación do ciclo de actividades, celebrado onte no parque do Lago da Cidade da Cultura, estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o director de Responsabilidade Social Corporativa de Gadis, Antonio Cortés; e os artistas Xoán Curiel e a meiga Fani, en representación, respectivamente, do sector musical e das artes escénicas.

Román Rodríguez destacou a bagaxe do programa «Cultura non Camiño», ao que se referiu como un «proxecto xa consolidado que nesta edición dá un salto cuantitativo e cualitativo de altísimo nivel». Neste sentido, fixo fincapé na extensa rede de localizacións nas que se realizarán os eventos, que abarca máis da metade dos concellos de Galicia.

CATUXA PRIETO

O director de Agadic, Jacobo Sutil, falou dunha oferta «marca» e «máis potente» que outros anos, posto que está deseñada, segundo asegurou, co obxectivo de «revitalizar o sector cultural e posibilitar o reencontro da cultura co público». Agradeceu tamén a colaboración de Gadis, cuxo director de Responsabilidade Social Corporativa, Antonio Cortés, reiterou o compromiso da compaña co programa «Cultura non Camiño» e as outras 900 actividades culturais que, segundo afirmou, apoian anualmente.

Xoán Curiel, á súa vez, insistiu na idea de que «a cultura é segura» e animou ao público a acudir aos espectáculos. A meiga Fani, na mesma liña, asegurou que o circuíto ofrece «unha oportunidade de coñecemento da maxia para moita xente que ademais permite maior proximidade co público da que pode haber nun teatro».

«Cultura non Camiño» ofrecerá en total, ata setembro, 220 funcións teatrais, 200 concertos, 130 espectáculos de novo circo e 100 actuacións de maxia. Como mostra dos 58 espectáculos aos que se poderá asistir en 46 concellos tan só ata este domingo, a compaña A súa.MA, formada polas artistas Sue Moreno e María Move, ofreceu en vivo unha representación do seu premiado espectáculo de danza-circo Ikigai.