Zeca Afonso

CULTURA

11 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Coñecín Portugal a través da súa música, sobre todo grazas aos inigualabeis Zeca Afonso, Sergio Godinho e Fausto Bordalo. Foron parte da miña banda sonora dende a adolescencia. Grazas a eles souben dun xeito de entender unha realidade á que eles lle puñan música e letra. Tres cantores integrados no amplo abano do Canto de intervençao, que influíu decisivamente na incipiente canción galega dos anos 70. Sen dúbida dos tres nomeados, foi o Zeca Afonso o que tivo unha máis intensa relación de irmandade con Galicia, onde aínda se lle ten un grande recoñecemento e aprecio pola súa traxectoria humana e artística. O propio Zeca chegou a dicir nalgunha ocasión: «Tal vez ninguén me tenha entendido como na Galiza», o cal amosaba unha forte complicidade coa nosa terra e as súas xentes, especialmente as relacionadas coa cultura. Outro feito destacable é que unha das cancións máis icónicas do seu repertorio, o Grândola, Vila Morena, símbolo sonoro da Revolución dos Caraveis, soou por primeira vez ao vivo en maio de 1972 nun concerto celebrado na residencia universitaria Burgo das Nacións en Compostela. Zeca mantivo moi boas amizades que lle deron a coñecer e entender a realidade galega. A súa presenza era habitual, participando en numerosos concertos por distintos puntos do país. Bibiano Morón, Xico de Cariño e nomeadamente Benedicto García Villar, foron quizais os músicos galegos que máis relación tiveron co cantor luso e non tardou en reflexalo na súa música gravando o tema popular galego Achégate a min, Maruxa incluído no seu disco Fura Fura (1979).

Eu coñecín ao Zeca a través da súa discografía, que teño na súa maior parte en vinilos, e tamén estiven naquel histórico macroconcerto homenaxe celebrado o 31 de agosto de 1985 nun ateigado parque de Castrelos en Vigo. Para entón, e debido ao seu delicado estado de saúde, xa non puido participar, aínda que si chegou a dicir unhas verbas nunha emotiva conexión telefónica. Hoxe o Zeca continua vivo en Galicia a través da súa obra, das súas influencias e tamén das diferentes homenaxes que se lle fan dende os distintos ámbitos da nosa cultura e particularmente dende a asociación galega que leva o seu nome. Un grande mestre!