«Querido Manuel María...»

CULTURA

Manuel María, Xosé Neira Vilas e Miguel Anxo Fernán-Vello (de esquerda a dereita)
Manuel María, Xosé Neira Vilas e Miguel Anxo Fernán-Vello (de esquerda a dereita) fundacion manuel maría

Un libro recolle máis de cen cartas entre Neira Vilas e o escritor da Terra Chá

06 may 2021 . Actualizado ás 11:37 h.

Non se coñecían persoalmente pero escribíronse máis de cen cartas e mandábanse fotografías. As misivas viaxaron a Monforte primeiro desde Bos Aires e despois desde a Habana. Agora aparecen no libro Correspondencia entre Manuel María e Xosé Neira Vilas (1957-1997), nunha edición dos catedráticos da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, Manuel Ferreiro e Xosé Ramón Freixeiro Mato. A publicación da casa museo do escritor da Terra Chá foi presentado este mércores na asociación Alexandre Bóveda da Coruña.

«As cartas din moito, contan cousas que a historia oficial non pode saber», apunta Ferreiro, despois de contar que os dous editores «gustounos a idea» de preparar esta correspondencia. É unha tarefa na que teñen experiencia xa que Freixeiro Mato ten publicado Onde ferve ou amor por Galiza. Correspondencia do galeguismo do exterior con Sebastián Martínez-Risco (1942-1977) e un dos primeiros libros de Ferreiro sobre Eduardo Pondal foi un epistolario.

De Manuel María xa está publicada a súa correspondencia con Otero Pedrayo e agora aparecen estas «cartas de ida e volta» nas que, anota Ferreiro, «van contando aventuras e desventuras, cousas da vida persoal como a compra dun piso ou acontecementos que non están nos libros».

A primeira das 102 cartas recollidas está asinada por Anisia Miranda desde Bos Aires, onde estiveran ela e Neira Vilas un tempo antes de irse a Cuba. Nese traslado «perdéronse algunhas das cartas de Manuel María», explica Alberte Ansede, secretario da Fundación do escritor. Tamén di que entón «a correspondencia era como a Internet hoxe: a maneira de saber o que pasaba no país». «Entre o 25 de xaneiro de 1960 e o 29 de maio de 1972 hai máis de 90 cartas. É o período máis intenso», di Ferreiro. No ano seguinte, 1973, os dos escritores coñecéronse persoalmente.

As cartas permiten ver como Neira Vilas, que as empezada con un «Querido Manuel María...», está en Cuba «instalado na literatura galega, pero tamén exercendo cargos na revolución cubana e ese novo mundo que están a construír», detalla Ferreiro. O autor de Memorias dun neno labrego mándalle libros de autores que lle interesaban a Manuel María e outras publicacións como a revista Bohemia.

Tódalas cartas están escritas a máquina, «moi limpas, non hai dúbidas de interpretación», e publícanse «nunha edición moi anotada» para situar feitos como a multa a Manuel María, en 1973, por un recital que deu en Madrid e que era de 78.000 pesetas, moitísimos cartos entón. Por aí anda tamén a detención de Méndez Ferrín en Vigo», detalla Ferreiro. Manuel María contaba nas cartas os problemas que tiña para publicar libros ou as viaxes que facía a Portugal e a Francia onde se atopaba con Ramón Chao en Radio París. Cen cartas que axudan a coñecer mellor a dous piares da literatura galega.