Consuelo Burell

CULTURA

03 mares 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Mans amigas poñen nas miñas un libro de máis de seiscentas páxinas que é un prodixio de biografía sobre unha personalidade literaria: Carmen Laforet. Unha muller en fuga (Barcelona, RBA Libros, 2019). É o resultado do traballo de dous especialistas, Anna Caballé e Israel Rolón-Barada, que poñen a súa intelixencia e a súa sensibilidade ao servizo dunha «investigación descomunal» (Rosa Montero). Nesa indagación documental, os autores leron con moita atención desde varios centenares de cartas as notas memorísticas inéditas. Pois ben, batín cun nome que non sospeitaba: o da profesora Consuelo Burell (Madrid, 1911-1990), da que eu fun alumno de Literatura no Instituto Santa Irene de Vigo de 1946 a 1948, nos dous últimos anos do bacharelato (6.º e 7.º).

Fora alumna súa, no Instituto de Las Palmas de 1937 a 1939, Carmen Laforet, unha adolescente que, non moito despois, con 23 anos, escribiu Nada, a novela coa que obtivo o primeiro premio Nadal (Barcelona, 1945). Nun texto memorístico afirma a novelista: «No segundo ano da Guerra Civil, coñecín a unha persoa que tivo moitísima importancia na miña vida. Chámase Consuelo Burell e era a nova profesora de Literatura». A profesora, que quedou impresionada polos exercicios de redacción da alumna, intimou de tal xeito con ela que lle deixou ler uns «apuntes» tomados por ela nas clases de Pedro Salinas, na Universidade Internacional de Santander. Non sei se a alumna, daquela, chegou a saber que o pai da profesora, Julio Burell (1859-1919), fora ministro varias veces e que, como ministro da Gobernación, aparece nunha escena memorable de Loces de bohemia, de Valle-Inclán.

A Consuelo Burell sempre a lembrei con respecto e gratitude. Era educada, amable e elegante e nas clases demostraba, naquel centro, que era a catedrática da materia. Creo que estes son os recordos presentes nos que foron alumnos seus en Vigo de 1942 a 1961, data na que se trasladou ao Instituto de Segovia, onde se xubilou. Tiña un piso en Madrid, no que, nos últimos anos, ás veces, residía, sen a súa familia, Carmen Laforet, unha muller «en fuga».