Carvalho Calero: «A língua galega ten que ser a língua normal dos galegos»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Ricardo Carvalho Calero na toma de posesión, en 1972, da Cátedra de Lingua e Literatura Galega da USC
Ricardo Carvalho Calero na toma de posesión, en 1972, dá Cátedra de Lingua e Literatura Galega dá USC CEDIDA

En La Voz de Galicia defendou máis usos do galego e o reintegracionismo

04 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

«Se queremos de verdade que o galego viva, temos que facé-lo viver todas as vivéncias da sociedade actual. Non só as vivéncias estéticas [...], tamén as vivéncias do uso coloquial, do uso comercial, do uso notarial, do uso administrativo, do uso relixioso e do uso político. A língua galega ten que ser a língua normal dos galegos». Así o defendía Ricardo Carvalho Calero no artigo O uso do galego para todo, en La Voz de Galicia, o 22 de marzo de 1981. Coincidía, con máis de 39 anos de adianto, coa principal idea con que a Real Academia Galega honrou a súa memoria hai uns días en Santiago, no acto das Letras Galegas: reclamar máis usos para o idioma

Ese, e o reintegracionismo galego-portugués, foron as suas principais teses en máis dun cento de artigos neste xornal. Insistiu en que gañar usos para a lingua era o «máis urxente», cando comezaba a andar a autonomía; porque «non se trata dun idioma puramente doméstico, condenado a non asobardar endexamais as fronteiras do país, senón, como temos visto, do segundo romance máis falado, pois non é senón unha modalidade do galego-portugués, extendido pola superfície do globo».

Dous dos artigos de Carvalho Calero en La Voz sobre a cuestión da lingua
Dous dous artigos de Carvalho Calero en La Voz sobre a cuestión dá lingua

A ortografía que utilizaba nese artigo (facé-lo, viver, próprio...) era a promovida pola Xunta, publicada o 17 de maio de 1980, elaborada e asinada por una comisión presidida por Carvalho, con ampla unanimidade, segundo el mesmo publicou. Ofrecía diversas posibilidades e abría camiño para a reintegración, que el amparaba en Castelao e na tradición galeguista. Esa proposta foi substituída por outra, do Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega, de 1982, publicada en abril de 1983 no «decreto Filgueira [Valverde]» como el o denominou.

Carvalho continuou na mesma liña e na que sería a última década da súa vida reiterou de moi diversas maneiras nestas páxinas as súas teses e estratexias para solucionar O problema da língua, título doutro artigo, do 31 de decembro de 1977, onde xa indicaba: «A sensatez aconsella cada día unha conducta que se axeite aos problemas de cada día. Non podemos fincar os xionllos resignadamente perante a historia, mais non se pode rectificar a historia senón partindo da historia mesma» e apelaba a «unha concordia, siquera ortográfica» na liña do galego-portugués.

Os principais artigos de Carvalho sobre a lingua comezan en 1972, cando gañou a cátedra de Galego na USC. Dese ano son Perfil histórico do galego, Lingua e Literatura Galega, O castelán en Galicia, Galego e castelán, Galego e portugués, O galego, unha língua e Perfil xeográfico do galego, onde reivindica a dignidade do idioma e reclama xa máis usos, aínda no franquismo.

En 1975 publica Ortografía galega e Galego-Portugués ou Galego-Castelán: e O galego desenfreado en 1976, onde asume con decisión a reintegración galego-portuguesa, e así até o final. O obxectivo das súas propostas será conseguir Un galego rendível, é dicer, económico e competitivo, título dun artigo do 19 de novembro de 1987; continuado cunha serie sobre política lingüística.

Unha escola filolóxica que procura a proxección internacional do idioma

O legado reintegracionista de Carvalho foi asumido por personalidades da política, o empresariado, a literatura ou diversos ámbitos da ciencia galega. Tamén se mantén unha escola filolóxica que procura a proxección internacional a través da Comunidade de Países de Língua Portuguesa (CPLP). Entre os máis recentes exemplos están o volume colectivo Portugal e(m) nós. Contributos para a compreensãou do relacionamento cultural galego-português, editado pola Universidade do Minho (Braga), de Elías Torres (decano de Filoloxía da USC), Roberto Samartín (da Universidade da Coruña) e outros especialistas do Grupo Galabra; ou o Dicionário de Zoologia, de Carlos Garrido (docente da Universidade de Vigo), que publicou en catro linguas a Universidade de Sãou Paulo (Brasil).