Ulex europaeux

CULTURA

01 dic 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Trátase sen dubida dunha das plantas máis populares e icónicas de Galicia. Este arbusto espiñento poboa unha boa parte dos nosos montes así como tamén os da franxa costeira occidental europea. O toxo aparece non en poucas referencias populares e literarias galegas: «A raíz do toxo verde é moi mala de arrincar(e)» é como comeza unha das cantigas máis coñecidas por todo o país e indica o forte enraizamento que o toxo ten na nosa terra.

Denomínase cientificamente como Ulex europaeus e convive cos galegos dende tempo inmemorial. De cativo lembro como o meu o avó e outras xentes ían rozar toxos ao monte e como eu viña logo no alto dun daqueles carros do país co seu impresionante cantar inesquecible e con toda aquela carga que se empregaba para facer o leito dos animais. As cortes das casas estaban ben preparadas cunha mestura de toxo rozado e palla para que o gando estivese cómodo. Cando florean na primavera as chorimas tinxen os nosos montes cun esplendoroso dourado. En coincidencia coa súa fermosa floración moita xente emprégaa como planta ornamental nas súas casas. O toxo é símbolo nacional da Bretaña así como insignia identificativa dalgúns clans escoceses. En Galicia é unha planta querida e respectada e podemos atopar tanto o seu nome como algúns derivados (toxeira ou toxal) na toponimia do país que posteriormente evoluciona en apelido.

Hai uns anos unha das miñas sobriñas que se dedica á moda tívonos varias tardes apañando chorimas polos montes para elaborar unha tintura que empregou en teas e con ese experimento obtivo un recoñecemento na súa escola en Nova York. Co toxo fíxose un famoso licor que foi o comezo da elaboración de moitos outros dese mesmo tipo co paso do tempo. Tamén foi famoso un aditivo que se dicía levaba toxo e que se botaba nos motores dos coches para darlles máis potencia. Pero todo no seu contexto porque se ben aquí o toxo é querido e respectado non é así noutros países xa que vin que por outras latitudes é unha planta invasora e daniña para as especies autóctonas deses lugares e que está creando grandes problemas. Así que cada cousa no seu sitio, que nós por estes lares ben sabemos o que son as plantas invasoras e tamén as súas catastróficas consecuencias.