«Pinocho»: Os ollos e o nariz

eduardo galán branco

CULTURA

Garrone mantén a amargura e a tenrura da historia de Collodi, na que Roberto Benigni dá vida a Gepetto

24 sep 2020 . Actualizado ás 09:11 h.

Desde que o soado Polidor encarnase a Pinocchio en 1911, cine e televisión volveron a adaptar, varias decenas de veces, a obra mestra literaria de Collodi. Pero sen conseguir nada que teña que ver coa excelencia, se exceptuamos o Pinocho da factoría Disney, unha marabilla estreada a comezos dos anos corenta que hoxe a peste da corrección quere deturpar.

Xente tan variada como Mickey Rooney ou Roberto Benigni puxéronse o longo nariz do neno de madeira. E os físicos de Danny Kaye, Nino Manfredi, Martin Landau ou Bob Hoskins deron acubillo ao fráxil corpo do pobre e solitario carpinteiro que creou ao seu fillo extraéndoo dun tarugo de piñeiro. A pesar do talento dos actores mencionados, a poesía extrema do conto non aflorara en imaxes. Ata hoxe.

Agardando a anunciada versión de Guillermo del Toro ou a nova animación de Disney dirixida por Robert Zemeckis -que chegarán no 2021, se o covid non o impide- temos que saudar de bo grado este Pinocho de Matteo Garrone, director de escuras visións do mundo -Dogman, Gomorra ou Primo amore- que insiste coas alegorías, obtendo mellores resultados que na súa errada O conto dos contos. O mesmo equipo artístico ten máis fortuna aquí, pois conseguiron manter en primeiro plano -sen suavizar os contidos, sen pensar unicamente no público infantil- todas as tristezas do conto de Collodi. O descubrimento da vida, a dolorosa aprendizaxe, a rebelión infantil fronte ás regras ou os amargos resortes da liberdade domeñada.

Afortunadamente, o mundo visual de pesadelo, grotesco e portentoso -gran traballo da dirección artística- non se come en absoluto toda a amargura e a tenrura da historia. E Roberto Benigni -que, lembremos, fai vinte anos interpretou a Pinocho- dá vida a un Gepetto misérrimo e naíf, renunciando por completo aos seus tics «autorales» de actor histriónico. Esa secuencia na que o carpinteiro retoca as «feridas» -as profundas gretas da vida- do boneco vivente, mentres a súa criatura mírao cos ollos fixos e penetrantes da primeira comprensión, é unha bellísima e melancólica representación da paternidade. Os ollos e o nariz, órgano e apéndice da orfandade.

«PINOCCHIO»

Italia-Francia, 2019.

Director: Matteo Garrone.

Intérpretes: Federico Ielapi, Roberto Benigni, Marine Vacth, Rocco Papaleo, Massimo Ceccherini, Gigi Proietti, Maria Pia Timo, Alida Baldari, Davide Mariotta.

Comedia dramática.

121 minutos.