Iago Méndez: «Quería falar do escurantismo das grandes corporacións»

J.B. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

IAGO MËNDEZ
IAGO MËNDEZ

O vigués acaba de publicar a novela «As bágoas de Juliana»

22 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Catorce anos despois do seu debut literario co sol e o asfalto, Iago Méndez (Vigo, 1980) edita As bágoas de Juliana, unha novela na que un xornalista se enfronta á industria alimentaria.

-Por que se fixou nese tema?

-Quería abordar o tema das grandes corporacións que hai no planeta. Tirei pola industria alimentaria, pero podería ser calquera outra. Quería falar do escurantismo e todo o armazón de intereses que hai detrás. E todo o que implica iso, cuns beneficiados e uns prexudicados. Aquí os segundos son os habitantes dunha pequena poboación de Sudamérica.

-Hai un punto de romanticismo nese xornalismo combativo que pode derrubar a unha gran corporación?

-Si, é un tema que quería tocar. Ese momento no que un xornalista se atopa cun tema moi zumento e ao que non se lle deu a visibilidade suficiente. A idea de poder dar un pelotazo e abrir un melón que non se tocou. É unha das funcións do xornalismo: coñecer algo que se oculta e dalo a coñecer á xente.

-Ese punto de partida é todo un clásico. Inspirouse en algo?

-Non é exactamente o tipo de literatura que eu busco ler. A inspiración veume un día que estaba vendo pola mañá unha reportaxe da 2, deses que non ve case ninguén. Falaban dos desprazamento da poboación rural en Paraguai e como cambiara ese modelo de agricultura, de xente agachada colleitando, aos grandes cultivos cun tractor xigantesco que fai un traballo que antes facían centos de persoas. E como as multinacionais cambian ese mundo agrícola.

-O pulso do libro é moi cinematográfico. Veo convertido nunha película?

-Si, pero requiriría unha produción moi custosa [risos]. Hai moitos escenarios diferentes en países distintos. Adaptalo sería carísimo, porque habería que rodar en distintos continentes. Pero si que lle quixen imprimir un ritmo rápido e cunha prosa áxil. Saíume así.

-Con historias entrecruzadas.

-Si, quería que fose así con diferentes personaxes, diferentes ambicións, coas súas miserias, motivacións e obxectivos. Apetecíame entrelazar diferentes personaxes para que o lector poida ver varios puntos de vista. Aquí non é moi nítido quen é o bo e quen é o malo.

-Agardará outros 14 anos para o seu seguinte libro?

-Teño clarísimo que non quero que pase tanto tempo [Risos]. Gustaríame que fosen menos de 14 meses. Teño máis proxectos e agardo ter algo no 2021.