Peregrinar coa Xeración Nós en tempo real

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Ben-Cho-Shey, Risco e Otero, no pazo Gaión de Ourense, durante a viaxe que fixeron a Santo André de Teixido en 1927
Ben-Cho-Shey, Risco e Otero, non pazo Gaión de Ourense, durante a viaxe que fixeron a Santo André de Teixido en 1927 fundacións penzol

O Consello da Cultura recrea unha andaina de 1926 de Otero e Risco

08 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Ás cinco da mañá do 8 de xullo de 1926 un grupo de amigos iniciaron na Ponte Nova de Ourense una andaina que os levarían, ao longo de catro xornadas, a Santiago. Eran Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Lois Feixóo e Antón Sánchez, aos que se sumaron Afonso Vázquez Monxardín e Florentino López Cuevillas en Silleda. Era ano Xacobeo e a peregrinación a pé era un dos xeitos preferidos que os compoñentes da Xeración Nós tiñan de coñecer o país. Se o mapa de Fontán acadara a condición de símbolo, non menos importante era o contacto directo coa terra, coa paisaxe e os seus habitantes.

Desta viaxe quedou constancia nas crónicas do escritor compostelán Xavier Pardo Badía que se publicaron en A Nosa Terra. Agora, quen queira sumarse de xeito virtual a aquel percorrido, pode facelo nun especial que inicia hoxe o Consello da Cultura, a través tanto da súa web como nas súas redes sociais. Trátase da versión multimedia dos oito artigos de Pardo, ademais dunha adaptación do itinerario ao formato dixital. A proposta complétase cun artigo de Afonso Vázquez Monxardín, neto dun dos peregrinos orixinais, no que aborda a relevancia cultural e actual da viaxe. A retransmisión en Facebook e Twitter permitirá recrear a andaina en tempo real e preguntarse como serían as excursións daqueles intelectuais de poder dispoñer de redes sociais. 

Pico Sacro

Tras partir de Ourense aquel 8 de xullo de 1926, o grupo pasou por Amoeiro e deu por rematada a xornada no Carballiño. O segundo día madrugaron outra vez: saíron ás seis e media da mañá e o día prolongouse ata entrada a madrugada, cando chegaron a Silleda. O sábado, coas incorporacións de Cuevillas e Monxardín, chegados no Castromil, avanzan por Chapa, Bandeira, Balboa e rematan en Ponte Ulla. O derradeiro día recollen no Pico Sacro a un grupo de alumnos do Seminario de Estudos Galegos, entre os que se contaban Lois Tobío e Antonio Fraguas, ata entrar en Santiago, polas súas «tortuosas e suxestivas rúas», segundo Pardo.

Outra viaxe de Otero e Risco, xunto con Ben-Cho-Shey, levaría á Xeración Nós ata Santo André de Teixido case un ano despois, o 4 de xullo de 1927. Un traxecto que inspiraría hai catro anos a película Pelerinaxes, do director Simone Saibane, así como un ensaio, De camiños, viaxeiros e camiñantes, de Santiago Lamas e Alfonso Mato, que acadou o premio Ramón Piñeiro.