Paso atrás e raio de luz

Sabela Pillado

CULTURA

25 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Na pasada edición dos Goya, precedida xa pola do 2018, augurábase certa alegría e cambio en canto á representación das mulleres nos nomeamentos. Este ano viñeron a cumprirse os prognósticos dos últimos meses: a representación feminina, sacando as categorías de actriz ou as habituais de vestiario/maquillaxe/barbería, é case inexistente, especialmente nas candidaturas máis «importantes». Certo é que aí están Belén Funes en dirección novel, Isabel Pena compartindo candidatura en guion adaptado ou Carla Pérez en dirección de produción. Pero sabe a moi pouco, nunha edición con tan só un 14 % de nomeamentos para as mulleres. O devandito, un paso atrás no tímido avance que parecía logrado. E é que está claro que a presenza feminina con máis forza desta edición será, sin duda, o Goya de honra a Pepa Flores -que non Marisol-, unha actriz que foi fenómeno de masas, mito infantil e logo erótico, produto dunha industria que a usou sen compaixón e rebelde con conciencia política cando creceu. Un exemplo de loita e coherencia que é parte da historia do noso cine. Por Pepa, muller e mito.