«A madición» si que é unha maldición

Miguel Anxo Fernández

CULTURA

Chega á gran pantalla outra entrega de casa con espectro encabuxado

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O prolífico Takashi Shimizu, autor de curtos, videoxogos, series e unha vintena de longos, cultivador do chamado J-horror (que vén ser cine de terror á xaponesa, léase ingredientes sobrenaturais, espectrales e o que roldará), abriu no 2000 un filón con Ju-on [A maldición], da variante das casas endemoñadas pero cun apreciable toque persoal, tanto no guion como na súa resolución formal.

El mesmo dirixiu varias secuelas e dúas décadas despois as entregas xa superan a decena. Agora suman A maldición [TheGrudge ], terceiro filme de Nicolas Pesce (Nova York, 1990), un reboot -unha franquía de éxito á que damos a volta do calcetín, para entendernos- que ten entre os seus padriños ao veterano Sam Raimi. Imos, que o xogo anda entre Shimizu, Pesce e Raimi, que colgados desta variante do xénero, talvez se esqueceron do público, que pode estar máis ou menos idiotizado pero memoria aínda conserva.

É cuestión de fe. Desde a túa butaca detectas ao instante que nesa casa hai un espectro encabuxado ou similar, algo que non aprecian os protagonistas, en absoluto con minusvalía visual. Aí xa temos un problema e a todo o que ocorra despois que lle dean por ser tan falso como unha moeda de tres euros. Máis aínda se che comiches -moitas veces con patacas...- tropecientas desde Terror en Amytiville (Stuart Rosenberg, 1979), aínda que fose Hitchcock o primeiro aproveitar o tema co moi sospeitoso edificio estilo gótico californiano onde o retorto Bates conserva á súa mamá en Psicose (1960). Pois iso, na casa habita un espectro vengativo que volverá tarumbas a quen traspasen o limiar, a non ser que a rocíen co coñecido líquido obtido do petróleo por destilación fraccionada (omitimos o nome para non facer spoiler) ao que despois guindamos un fósforo previa fricción sobre superficie rugosa. É máis, alguén o suxire á media hora, pero acabaríase a película.

Descúlpeseme que isto se pareza pouco a unha crítica, pero descargar o resultado sobre o aspecto formal, de foto sucia, luz escasa e moita sombra, con ser adecuado, é outro tópico.

«THE GRUDGE»

EE UU., 2020.

Director: Nicolas Pesce.

Intérpretes: Demian Bichir, John Cho, Andrea Riseborough, Lin Shaye, Betty Gilpin, William Sadler, Jacki Weaver, Frankie Faison, Stefanie Sherk, Tara Westwood.

Terror. 94 minutos.