Aberto o prazo para escoller a Palabra do Ano correspondente ao 2019

redacción / LA VOZ

CULTURA

«Afouteza» foi a palabra gañadora no 2017
«Afouteza» foi a palabra gañadora non 2017 M. TOURIÑO

As propostas poden presentarse ata o vindeiro día 15

04 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Portal das Palabras xa abriu o prazo para presentar candidaturas á Palabra do Ano correspondente ao 2019. A iniciativa busca elixir, de xeito colectivo, un termo que resuma ou identifique a realidade que mellor represente o que foron os doce meses do ano. En edicións anteriores as vencedoras foron deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).

A escolla consta de tres fases. Acaba de abrirse a primeira delas. Calquera persoa poderá enviar suxestións ata o domingo 15 deste mes ás 23.59 horas. As propostas deben facerse a través dunha web específica. Entón empezará a segunda fase: do 16 ao 25 de decembro, os termos máis significativos e repetidos someteranse a unha votación telemática pública. Por último, o venres día 27 darase a coñecer a Palabra do Ano 2019. 

Divulgación

O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié co obxectivo de promover a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación do galego. A plataforma web do Portal ofrece xogos, vídeos coa resolución de dúbidas frecuentes da lingua e outros contidos que conectan o léxico coa realidade cotiá. Unha destas seccións é A palabra do día.