«O irlandés»: Scorsese, soberano do cine

miguel anxo fernández

CULTURA

O director asina a súa obra mestra, unha soberbia película de quen ama a sétima arte

23 novs 2019 . Actualizado ás 20:47 h.

Horas despois, as imaxes servidas por Scorsese acompáñanche, consciente de ter asistido a algo histórico: un cineasta que o foi todo no Novo Hollywood dos setenta, o é agora como autor na súa dimensión máis nobre, e agardamos que se manteña no seu obxectivo de reivindicar o que chama «o risco […], a visión de conxunto dun artista individual», como escribía non fai moito. O irlandés é, na miña modesta opinión, a súa obra mestra. Cada plano, cada escena, cada secuencia, transpira a visión de alguén que ama o cine, formouse degustando aos clásicos, cinéfilo tan lúcido como empedernido, a quen botaremos de menos o día que repregamento a súa cadeira de director (Divos non o queira porque entre deuses -o é da cámara- anda o xogo). Escribía tamén que hai unha preocupante indiferenza no sector cara á arte e mesmo unha actitude desprezativa ante a historia do cine. É así e ben o sabemos quen impartimos aulas.

O que nos conta o exemplar guion de Steven Zaillian é a peripecia de Frank Sheeran -executor ao servizo da Mafia durante tres longas décadas, protexido do capo Russell Bufalino- e a súa especial relación co poderoso líder sindical Jimmy Hoffa, aquel que «desapareceu» en 1975. Máis aló da estrutura e a súa excelencia formal, e máis aló do risco que asume Scorsese (e mesmo Netflix, que acudiu no seu auxilio ante o rexeitamento das major) ao afrontar un proxecto nas antípodas do entertainment, o filme desprende un forte aroma a cine maiúsculo que impregna a sala e a súa pantalla grande. Crean a este crítico: no televisor será outra, soberbia si, pero sen o halo da sala escura.

Scorsese renuncia ao exhibicionismo da violencia (apenas hai sangue) e saca a relucir temas como a conciencia, o perdón, a decadencia física, en suma, a vida que se apaga. E por suposto unha Norteamérica cainita. O subgénero de mafiosos xa nunca será o mesmo. É a película do ano. E se a Academia fose honesta, dar todos os Óscar e en especial un conxunto para Pesci, De Niro e Pacino. Véxana, é puro cine.

«O IRLANDÉS»

[«THE IRISHMAN»]

EE.UU. 2019.

Director: Martin Scorsese.

Intérpretes: Robert de Niro, Al Pacino, Joe Pesci, Harvey Keitel, Bobby Cannavale, Anna Paquin, Jack Huston, Ray Romano, Kathrine Narducci.

210 minutos.

Thriller / Drama.