Manuel Álvarez Torneiro descansa no reino do fulgor

concepción delgado curral

CULTURA

A obra de Álvarez Torneiro é dunha riqueza inusual
A obra de Álvarez Torneiro é dunha riqueza inusual GUSTAVO RIVAS

A editora da antoloxía esencial do poeta, finado hai uns días, lembra a súa obra e a súa figura

14 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cando o recendo de mazá é máis intenso, chéganos a noticia da morte de Manuel Álvarez Torneiro, autor dunha extensa e intensa obra poética que empezou a publicar tardiamente, primeiro en castelán e a partir de Memoria dun silencio (1982), enteiramente en galego. Despois da publicación de Vos reinos do fulgor, antoloxía esencial que comprendía poemas dos libros Memoria dun silencio, Fértil corpo do soño, Restauración dous, días As voces consagradas, As doazóns do incendio, Rigorosamente humano, Habitante único, Luz de facer memoria, Campo segado, Setembro Stradivarius, aínda sen publicar, e outros poemas escritos entre os anos 1982-2002, publicou os libros Epicentro (2003), Setembro Stradivarius (2004) Parábola do incrédulo (2006), Vos ángulos dá brasa (2012), Onde nunca é mañá (2014).

A obra constitúe un proxecto unitario onde temas e formas se repiten sempre con brillantez.

A obra, gañadora de moitos premios, tamén do premio da Crítica Española e o Nacional de Poesía por un libro en galego, é unha das experiencias poéticas máis orixinais e apaixonantes da poesía galega. Manuel Álvarez Torneiro é, sen dúbida, un dos máis altos exemplos de gran traballador do verso. A modestia e a obra traballada minuciosamente como un gran edificio que vai madurando ao longo do tempo até satisfacer o autor, son básicas no seu traballo. A súa poesía manifesta fidelidade ao home, revelando o que soñou ou encontrou na alma. E esa revelación lévanos á presenza da vida do poeta na súa obra, centrada na memoria e na procura dun tempo pasado condenábel e elexíaco ao mesmo tempo. Todo isto orixina unha obra dunha riqueza pouco común, concibida desde o home e para o home.

Nos últimos libros acentúase a consciencia de vivir na segunda parte da vida, que é fronteira, o que o leva a facer conta da mesma en termos de resta e perda. A ameazante presenza da morte destaca e tamén as reflexións sobre a desmemoria que fica despois da morte. Pero esta parte da vida aínda podía excitar o home e o poeta, propoñendo vivir con calma, fóra do aplauso, nunha especie de retiro humilde, contemplando a beleza do mundo natural.

Despois de tanto e tanto vivido, váisenos o gran poeta da imaxinación e da Memoria, da medida xusta entre o silencio e a palabra, culto e humano, mestre do verso libre e do poema en prosa. Morre no outono, unha das estacións preferidas, cando aínda non se deu a ruína das parras e é tempo de colleitas e mazás. Nese camiño de perseguir a perfección e os soños, o eterno neno orfo, que contemplaba con asombro as mazás nos outros, vai ao encontro de Pilar Torneiro, a nai de «case nunca», que o está esperando para pór fin á infancia sen nai no Eterno Reino do Fulgor.

Galicia perde un gran poeta. Ficamos máis sós pola ausencia do poeta-amigo, vulnerábel e sempre conmovedor. Xa non veremos con el as acacias do inverno, pero ficará o recendo da súa obra como o das mazás deste comezo triste de outono.

Concepción Delgado Corral é a editora da antoloxía esencial de Manuel Álvarez Torneiro.