Eloy Enciso: «Gustounos ver que desde o local pódese chegar a outras realidades»

Antonio Méndez / M. F. LA VOZ

CULTURA

URS FLUEELER / EFE

O filme galego «Longa noite», última obra do cineasta lugués, vén de recibir un premio no prestixioso festival suízo de Locarno

21 ago 2019 . Actualizado ás 16:55 h.

O cineasta Eloy Enciso (Meira, 1975) contesta ao teléfono durante o seu retiro vacacional coa familia. Merecido: na tarde do pasado sábado a súa última película, Longa noite, resultou galardoada co Boccalino d’Oro á mellor dirección, premio da crítica independente do festival de cine de Locarno, outorgado por un colectivo de xornalistas alleo ao certame cinematográfico. Canso pero contento, Enciso reflexiona sobre a súa estadía na cita suíza e sobre o seu filme: unha peza que afonda na Galicia dos anos posteriores á Guerra Civil, unha visión coral onde falan os vencedores e os vencidos. Faino sen esquecer os seus futuros cometidos: a participación nos festivais de cine de Toronto e de Nova York.

-Como se ergue unha persoa un luns tras triunfar nun festival tan importante como o de Locarno?

-En falsa modestia: coma tódolos días. Cedo para traballar. Almorcei unha froita e unha torrada con aguacate e púxenme a traballar diante do ordenador. No tocante ao festival, síntome moi contento e orgulloso, sobre todo polo recoñecemento ao traballo e ao equipo. Levar a este tipo de festivais unha produción galega, feita en galego e nun lugar onde normalmente non se fan moitas películas -ultimamente, por sorte, fanse máis- é moi gratificante.

-O Boccalino d’Oro homenaxeou anteriormente a traxectoria de cineastas tan reputados como Nikita Mihalkov ou Peter Greenaway. Que supón para vostede unirse a estes nomes?

-É, basicamente, unha honra. E remítome ao que dicía anteriormente, estou contento non tanto por min senón polo que representa: un recoñecemento a todo o equipo, á película e a todos os que participaron. Mágoa que, moitas veces, non temos tanto apoio como se pensa desde as institucións. Pero penso que non é momento de falar diso, é momento de estar contento e de celebralo.

-Vostede xa estivo presente en Locarno no 2012 con «Arraianos». Como foi a experiencia desta nova participación e que aprendizaxes e conclusións extrae?

-Vivín a experiencia con moita ilusión e, ao mesmo tempo, con nervios. Estar alí, arroupado por todo o equipo, axuda moito. Estar na primeira liña e ao carón de persoas que son referentes e a quen admiro resulta incrible. Tratáronnos moi ben e a película estreouse na sala máis grande do festival, cunha capacidade para unhas 2.500 persoas. Unha experiencia moi emotiva.

-En Suíza reúnese un acreditado gremio de figuras do mundo do cinema. Que pensamentos lle trasladaron sobre «Longa noite»?

-A verdade é que a recepción foi moi boa e, sobre todo, entre críticos, programadores e o público. Gustounos moito ver que desde o local pódese chegar a outras moitas realidades, culturas e lugares. É dicir, a partir dunha historia que, en principio, é local e galega, lógrase unha resonancia en moita xente. Penso que o premio da crítica vai neste sentido: sinalar un filme que, a pesar de estar sito en Galicia e ser producido en galego, resoa noutros lugares.

-Dicía vostede nunha entrevista que «Longa noite» non é unha película histórica nin historicista. Vira, xa que logo, cara á lembranza e a memoria?

-Exacto. O noso obxectivo non era dicir «isto foi así». Non é unha película para reconstruír feitos do pasado, é dicir, o que, senón máis ben o como. Mostrar como funciona unha sociedade totalitaria e o como funcionaba, neste caso, o franquismo, para reflexionar sobre como acontecen as cousas.

-Afonda nesta etapa a partir de testemuños en primeira persoa, con historias individuais. Dita circunstancia pode ser ambigua: reflectir algo de forma nítida e fiel pero tamén cun ton moi subxectivo…

-Existe unha historia oficial, pero penso que esta constrúese a partir de individualidades. Unha característica da película é sinalar iso: unha realidade, sexa a que sexa, é sempre construída de realidades individuais e da experiencia persoal. A idea non era facer un filme moralista, de bos e malos, senón amosar que é moito máis complexo todo o que pasou e todo o que significa un sistema totalitario dese tipo.

-Agora «Longa noite» viaxa a Toronto e a Nova York. Que espera destes festivais?

-Xa estamos traballando para levar a nosa película e a nosa linguaxe e defendelas alí. É a porta para Norteamérica, é coma un faro. Escollen o máis interesante do ano e para nós non só é participar, senón que é unha oportunidade para levar o noso idioma e a nosa cultura para alí.

-O vindeiro 5 de decembro o filme chegará ás salas de cine. Que pretende transmitir ao espectador de a pé, afastado do circuíto dos festivais?

-Gustaríame, sobre todo, que gozasen da película e que esta lles achegase unha vontade de coñecer máis sobre aquela época. A partir dos testemuños, cartas, relatos, etcétera que insiro, pois estaría contento de que tivesen curiosidade por afondar nesta realidade. E, por exemplo, interesarse en historias que igual teñen na súa familia. Eu, a partir da película, indaguei en sucesos familiares da época, que estaban aí agochados e case que esquecidos.