Os rostros dos galegos en Basilea

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Tres dos retratos da serie: Pilar Taboada, Manuel Queijo e Preciosa Martínez
Tres dous retratos dá serie: Pilar Taboada, Manuel Queijo e Preciosa Martínez Manuel Álvarez Álvarez

O fotógrafo Manuel Álvarez reúne nun libro case medio cento de retratos de emigrados en Suíza, imaxes que dialogan con breves poemas de Manuel Rivas

26 sep 2019 . Actualizado ás 17:08 h.

Nos seus corenta anos como emigrante en Xenebra, Manuel Álvarez (A Guarda, 1954) sempre se sentiu atraído polas formulacións da identidade da diáspora galega. Un interese que atopou unha canle de expresión na súa sensibilidade de fotógrafo autodidacta e que desenvolveu en varios proxectos e coleccións de retratos de emigrantes. Agora vén de publicar Sementeira Porträts, un libro con corenta e dous imaxes de membros da sociedade Sementeira, de Basilea, e que dialogan coa poesía de Manuel Rivas, en forma de aforismos e haikus.

Xubilado do seu traballo en Acnur dende o 2014, Álvarez pode dedicar máis tempo aos seus proxectos e así puido colocar ante o obxectivo entre maio e outubro do 2017 os membros do colectivo emigrante. Imaxes que son ao tempo testemuño, retrato psicolóxico e homenaxe. «Sementeira atraeume fortemente como depositaria e militante activa dos valores que engrandecen con dignidade unha emigración ilustrada e comprometida, crítica. Son nobres herdeiros das verbas sacras de progreso democrático, social e político dos nosos devanceiros», describe Álvarez.

 

Deste xeito, Sementeira, o libro, agroma desa «fonda e forte visión da dignidade do traballador emigrante que deixa o seu fogar para tratar de lograr en terras alleas unha vida mellor que non atopa no seu país». Unha honestidade e respectabilidade que, asegura Álvarez, goza de recoñecido prestixio en Suíza, e que se prolonga tamén no retorno: «Achegan a riqueza extra adquirida dunha cultura e ilustración diferentes, o prestixio recompensado dun labor recoñecido que alimentará tempos novos e avanzados, esenciais para sustentar unha sociedade nova, moderna».

Conectados no tempo

Da contemplación dos retratos do libro emerxe tamén unha imaxe colectiva que chama a atención polo feito de que a práctica maioría dos que posan fano en Suíza pero ben poderían telo feito nos seus lugares de nacemento ou orixe. «Poderían ser nosos compatriotas en Galicia ou en Basilea, conectados por eses fíos de fonemas e palabras que emocionan, invisíbeis, difíciles de explicar. A única diferenza que se pode aplicar é a da interconexión no tempo e a distancia», reflexiona o fotógrafo.

 

Ramón Carreira e Ramona López
Ramón Carreira e Ramona López Manuel Álvarez Álvarez

Quizais inflúa tamén en que entidades como Sementeira, cuxos membros na súa meirande parte proceden da comarca de Bergantiños, actúe como unha célula de galeguidade, tanto en espírito como en calendario de actividades -exposicións, festas, magostos ou conferencias polo Día das Letras-, coa lingua como vehículo e elemento cohesionador. En palabras de Manuel Álvarez, «é un fogar esencial no que fermentan e bulen os soños de afastadas ilusións de plans de retorno», un lugar onde atopar amparo e protección, ademais de amizade, na memoria e fala comúns. «É unha matria esencial en Basilea que fai posible non perder os sinais balizados para desandar os camiños de ida e volta da emigración galega», conclúe o fotógrafo.

«País, corazón, portátil. Emigrar? Ir dar»

«A man sincera. / País, corazón, portátil. / Emigrar? Ir dar». O haiku de Manuel Rivas que abre Sementeira Porträts actúa a xeito de frontispicio e condensación do espírito que preside a colaboración entre o escritor e o fotógrafo. «A elección de Rivas xurdiu no proxecto de maneira lóxica e natural: os seus valores humanos de compromiso coa emigración, a súa fonda, delicada, valiosa e sublime calidade poética e literaria», enumera Manuel Álvarez. O escritor recibiu as imaxes cunha información mínima: nome e apelidos, lugar de nacemento e parroquia. Dabondo para crear, como aprecia o fotógrafo, «unha crisálida de palabras protectoras, solidarias, comprometidas coas imaxes», quen tamén define a achega do escritor como «verbas-alfaias que constitúen unha membrana plasmática, poderosa de emocións, emigrante e proteínica, nutrinte de fíos invisibles».

A choiva, o traballo e as maletas, as carballeiras e os vagalumes, o merlo e a chorima son algunhas das imaxes e conceptos que Rivas relaciona coa visión destes emigrados galegos en Suíza. Ambos traballaban cunha idea do seu admirado John Berger: «Consideramos as fotografías como obras de arte, como proba dunha verdade particular, como semellanzas, como información». Son retratos que contribúen á memoria colectiva, como di Rivas no último poema: «Agora lembrar / é un mester de vixía. / Campo d’estrelas».