Texto inédito de Neira Vilas: un neno acaroado ao pai

Antonio Méndez / X. F. LA VOZ

CULTURA

Fundación Xosé Neira Vilas

A editorial Galaxia publica un texto inédito do escritor Xosé Neira Vilas, que rememora as vivencias co seu proxenitor

21 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

No piso superior do Museo de Belas Artes da A Coruña, descansa a escultura en granito Maternidade de Antón Faílde. A obra evoca a protección e o refuxio familiar, xa que un cativo gorécese nos brazos da súa nai e oculta a faciana nas pernas da proxenitora. O texto inédito Co pai de Xosé Neira Vilas, que vén de editar Galaxia, apela a unha realidade similar: un neno acaroado ao seu pai. Así e todo, son, por outra parte, diferentes: o escritor de Gres non se refuxia no seu predecesor, senón que observa o mundo a carón del.

A través de 25 textos breves, escritos no 2000 na Habana e que Neira Vilas define como «viñetas», o escritor debulla a relación, durante a infancia, co seu pai e rememora os momentos fugaces que consolidaron o seu vínculo familiar. A responsable da edición da obra, Dolores Vilavedra, compara as prosas breves de Neira Vilas coas de Castelao, en especial co estilo característico do popular Cousas do rianxeiro. Neste senso, define as pezas de Neira Vilas, e tamén as de Castelao, como auténticos «poemas en prosa».

Manuel Felipe, o pai de todos

Co pai é un conxunto de relatos que xorde do particular e alcanza o universal. O proxenitor de Neira Vilas, ao que mantén de forma anónima pero do que achega un alcume, «Manuel Felipe», podería ser calquera figura paterna: protector, educador, mestre, compañeiro, referente. Un pai que xoga ás cartas co seu fillo, que lle ensina os labores do campo, ou que se ergue a altas horas da noite para colocar os agasallos de Nadal: «Era El, que cumpría cos Reis. Connosco, coa tradición», relata Neira Vilas.

Con todo, a vida non é só felicidade e bos momentos, tamén hai intres de tristura, desesperanza ou mesmo decepción: «Cavilo que debeu sentir unha íntima frustración porque non puido lograr facer de min un carpinteiro», escribe o de Gres.

Como ben indica Vilavedra, Neira Vilas preséntase como coprotagonista das prosas, unha maneira axeitada de categorizar o que expresa o propio autor: «O título: Co pai, é dicir, non o pai illado, senón o pai e mais eu». Neste senso, o libro Nai xa non camiña en solitario, agora ten parella. Esta obra que viu a luz en 1980 acha no 2019, con Co pai, o seu compañeiro de viaxe, o mesmo que foron os proxenitores de Neira Vilas. Unha perfecta metáfora que reflicte o desexo do escritor: homenaxear aos seus pais a través da lembranza.