Onetti na súa cama


Entre os escritores latinoamericanos do boom, había dous que eran moi amados pola súa obra, pero tamén -e quizais sobre todo- polo seu carácter. Refírome ao mexicano Juan Rulfo e ao uruguaio Juan Carlos Onetti. Dous homes tímidos, de pouca conversa, que se admiraban e respectaban moito como demostraban sempre que se vían.

Sen embargo, eran dous homes moi distintos. Onetti tiña un sentido do humor moi seu e presumía de se comunicar moi ben cos nenos (cousa que puiden comprobar ao velo falar coa miña filla Clara, aínda nena). Era doce, agarimoso e prestáballes moita máis atención que aos maiores, coma se nestes sempre sospeitase algunha intención dubidosa. Ademáis, tiña un gran sentido do humor, só condicionado en público pola súa timidez. De feito, nunca o vin tan nervioso e descomposto coma o día que lle entregaron o Premio Cervantes nun acto presidido polos reis Juan Carlos e Sofía. Alí estábamos moitos convidados que o admirábamos (a el e á súa obra) e que queríamos festexalo. Pero Onetti, acostumado a pasar os días lendo na súa cama, non disfrutou nada entre unha xente tan amable, tan ben traxeada e tan descoñecida. E o habitual home simpático descompúxose e desapareceu de entre nós, quizais para ir refuxiarse no seu dormitorio.

Porque alí, na súa cama, era o ser sutil e ben humorado que deleitaba aos que el consentía que o visitásemos. Alí xurdía a ironía, a chispa, a agudeza, a ocorrenza enxeñosa, e todo cambiaba. Un día o vilalbés Ramón Chao preguntoulle se escribía para transmitir algunha mensaxe e el respondeu escandalizado: «Non. Nunca. Como ben dixo Hemingway, para iso xa están os carteiros». Tamén lle suxeriron poñer unha dentadura nova polas moitas fallas de dentes que tiña. El respondeu, retranqueiro: «Eu tiña unha dentadura excelente, pero regaleilla a Vargas Llosa».

Era moi admirador da literatura de Faulkner, mais con quen tiña un parecido máis aló do físico -que tamén- era con Saramago. Os dous eran doces e amables e tiñan unha ollada moi comprensiva da calamidade que é o mundo. A mesma ollada que eu percibira na expresión doce de Juan Rulfo, nacido na vella Nova Galicia mexicana e autor de Pedro Páramo.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
5 votos
Comentarios

Onetti na súa cama