Berta Dávila: «''Carrusel'' é unha historia de enfermidade mental que precisaba contar»

A escritora compostelá gana o XXXI Premio de Novela Manuel García Barros e publicará o libro este outono

X. F.
La Voz

O pasado mércores, a escritora compostelá Berta Dávila paseaba polo porto da cidade francesa de Marsella cando o seu teléfono comezou a soar. Unha chamada, como describe ela, «afortunada»: a uns 1.500 quilómetros de distancia, na Estrada, a súa obra Carrusel resultaba gañadora do XXXI Premio de Novela Manuel García Barros.

Dávila incorpórase, xa que logo, a unha longa lista de escritores, como Antón Lopo, Anxos Sumai ou Ana Cabaleiro: «É moi gratificante unir o meu nome a todas as persoas que recibiron este premio e, sobre todo, ao das mulleres que o ganaron antes. Son a cuarta despois de moitas edicións, e iso supoño que significa que as mulleres imos conquistando os nosos espazos», explica Dávila.

A súa novela, Carrusel, presenta a unha narradora «afectada por unha enfermidade mental, que se lle impón e que a condiciona decisivamente», explica Dávila. Para fuxir desta etapa convulsa, que non lle permite escribir, a protagonista acode ás súas raíces e aborda un percorrido polo pasado da súa familia e pola súa propia infancia. De aí o título da súa obra: «Carrusel é unha metáfora que trata reflectir ese mundo de herdanza no que a protagonista se insire, como unha especie de carrusel no que as cousas dan voltas e se repiten», describe a autora.

Dávila recorre á primeira persoa porque a protagonista «ten voz de seu» e desexaba outorgarlle «un espazo para expresarse e para falar desde o íntimo», sostén. Neste senso semella, tamén, que a propia Dávila, ao igual que a personaxe principal, procuraba atopar un lugar onde exteriorizar os seus pensamentos: «Carrusel é unha historia que quería relatar e precisaba contar», afirma.

A obra, que se publicará en papel o próximo outono grazas á editorial Galaxia, enmárcase dentro do xénero da novela curta. Un traballo «contaxiado» polo espírito poético da creadora, que conta cunha ampla traxectoria no eido da poesía, circunstancia que, segundo a escritora, aflora na «vontade de concisión» da súa narrativa.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Berta Dávila: «''Carrusel'' é unha historia de enfermidade mental que precisaba contar»