A experiencia gañouse aos máis escépticos no arranque do Son do Camiño

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

P. Calveiro

Os éxitos de Bastille, Beret e Die Antwoord deixaron pegada na inauguración do festival

14 jun 2019 . Actualizado ás 22:55 h.

O Monte do Gozo fixo honra ao seu nome. O recinto musical santiagués foi elixido, por segundo ano, para a celebración do festival O Son do Camiño. A xornada inaugural prometía máis ben tranquila, en comparación ás dúas que veñen por diante. Á primeira hora da tarde, aínda quedaban entradas á venda. Gran parte dos artistas eran uns descoñecidos para moito dos asistentes e a previsión de choivas auguraba ser o detonante final do fracaso. Pero nada máis lonxe da realidade.

Os concertos principais non corrían a cargo dun grupo de debutantes, senón de bandas da escena internacional que suman case unha vintena de discos. Por iso non sorprende que Richard Ashcroft (exlíder de The Verve), Bastille e Die Antwoord metésense no peto ao público, que acabou rendéndose aos seus directos.

A choiva indultó a inauguración do festival e, para cando tocou a quenda de Ashcroft , ata se abriu algún claro de sol.

Ao cantante británico -só coa súa guitarra, nun escenario de máis de 750 metros cadrados e sen bailaríns, coros, nin despregamentos de luces-, custoulle ao principio conectar co público máis novo reunido en Compostela, ata que tirou dos clásicos de The Verve, primeiro Lucky Man e logo Bitter Sweet Symphony, co que rematou de gañarse a ovación.

Todo o contrario sucedeu con Bastille , cuxo vocalista levaba -como Ashcroft- unha chaqueta de camuflaxe (logo iríase quitando capas, para xúbilo das fans); pero desde o minuto uno o anfiteatro estivo envorcado con el. O certo é que o ambiente subiu de nivel cando Dan Smith, enerxía pura, subiu ao escenario. Fiel ao seu estilo, inxectou a dose definitiva de éxtase entre o público do Son do Camiño. Indo dun lado para outro. Gozando. Brincando. E animando aos asistentes a botar tamén. A aplaudir. A cantar... Soltou a primeira bomba ao pouco de empezar o concerto: Happier, o éxito asinado o ano pasado en colaboración co produtor estadounidense Marshmallo. O vocalista viña cos deberes feitos e foi soltando as súas pílulas en galego de cando en vez para acabar de gañarse ao persoal, entregado desde o primeiro momento: «Pasádelo ben?», «O Son do Camiño saltade comigo», «moitas gracias... o meu galego non é bo». Incluso un «¡vai a merda!».

Smith entregouse á causa e fixo un alarde vocal, mesmo nas condicións máis difíciles; entoando ata cando se meteu no foso, entre o público, ou tombado nunha cadeira de brazos xiratoria.

A banda británica tamén regalou algunha pílula do álbum que traían debaixo do brazo, tan fresco, que se puxo á venda esa mesma noite a nivel mundial. E, como era de agardar, soou o single que dá nome ao disco, Doom Days, para dar por finalizada a conta atrás do lanzamento.

O clímax final chegou coa versión de Bastille do famoso Rhythm of the night (que rebentou pistas nos anos noventa). E, de colofón, Pompeii, o himno que os catapultó á fama fai seis anos e ante o que poucos pés resistiron a tentación de moverse.

Quedaban aínda un par de pratos fortes antes de dar por finalizada a primeira xornada do festival en Santiago, que coreou ao sevillano Beret ata a media noite e deixouse levar pola tolemia irreverente de Die Antwoord. Ninja non parou un segundo e incontables foron as veces que nomeou a Santiago, xunto con outras pílulas, estilo «¡moitas grazas raparigos!». Ata ensinaron a entoar algunha palabra en africano aos festivaleros. A súa mestura de rap e rave frenética deixou descolocados a quen aínda non sabían da súa existencia. A un ritmo desenfreado, e baixo unha lúa case chea, os surafricanos parecían non sentir o frío que azoutaba a media noite no Monte do Gozo, co peito ao descuberto eles e ela as pernas. E ata as 00.30 fíxose agardar un dos seus hits máis virales, Baby's OnFire .

A festa estaba servida en Compostela, onde porían o broche de ouro os irmáns belgas Dimitri Veigas & Like Mike cun adianto en Compostela do que pasará o vindeiro martes na festa de apertura do archiconocido festival de música electrónica Tomorrowland que terá lugar en Ushuaïa (Eivissa).