La Voz repasa nun amplo suplemento a vida e a obra de Antonio Fraguas

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

A publicación entregarase de balde co xornal de mañá mércores

17 may 2019 . Actualizado ás 19:10 h.

Como xa é tradicional, La Voz de Galicia súmase á celebración do Día das Letras Galegas con iniciativas especiais que complementan a información nas súas páxinas diarias sobre a efeméride e a figura á que este ano está dedicado o 17 de maio, Antonio Fraguas Fraguas. Este mércores o xornal entregará aos seus lectores un suplemento gratuíto de 16 páxinas que repasa aspectos da vida e da obra do homenaxeado a través de reportaxes, entrevistas e artigos de opinión.

O acontecer vital de Fraguas queda sintetizado nun resumo a través de dez fitos biográficos, dende a súa primeira formación en Pontevedra ata a xestión do seu legado e os recoñecementos públicos, con chanzos intermedios tan sobranceiros como a súa participación no Seminario de Estudos Galegos ou a creación do Museo do Pobo. Nunha entrevista, o académico Francisco Díaz-Fierros, impulsor da candidatura de Fraguas para o Día das Letras, explica a esencia do que supuxo a achega de Fraguas á cultura galega, a súa contribución a evitar o esquecemento da identidade e da memoria do pobo.

O suplemento inclúe ademais unha proposta de libros publicados sobre Fraguas para poder facer un roteiro de vida e obra arredor da súa persoa. Tamén se lembra a súa figura dende dous centros de ensino vinculados a el, como o IES Rosalía de Castro e o IES Antonio Fraguas de Santiago, onde docentes e alumnado prepararon homenaxes e traballaron con materiais elaborados nos propios institutos sobre os seus libros e investigacións.

Destacan tamén as achegas, na forma de artigos de opinión, de Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Justo Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego; e un texto publicado en La Voz en 1999 por Carlos Casares, Lembranza de don Antonio

Ou libro do día 17

O suplemento que mañá entrega La Voz complétase con información sobre o libro que tradicionalmente o xornal ofrece aos seus lectores cada 17 de maio dende hai lustros, así como unha entrevista á súa autora, María Xosé Fernández Cerviño, membro do padroado do Museo do Pobo e unha das persoas que mellor coñece a obra e a personalidade do homenaxeado co Día das Letras. Fernández Cerviño recolle en Antonio Fraguas Fraguas. Estancias vitais dun mestre sabio non só unha panorámica biográfica do escritor e investigador, senón que aborda a súa dimensión pedagóxica e a súa teima por divulgar o coñecemento.

O libro, que se ofrecerá aos lectores do xornal este día 17 polo prezo de 1,95 euros mais o cupón no lombo, preséntase mañá nun acto na sede coruñesa da Real Academia Galega. Ademais da autora, intervirán o presidente da institución, Víctor F. Freixanes; o director de La Voz, Xosé Luís Vilela e o presidente do padroado do Museo do Pobo, Justo Beramendi. A profesora Begoña Bas lerá fragmentos da obra de Fraguas, mentres que o acto contará coa música da exconcursante de OT Sabela.

Estudantes plasmaron o traballo de Fraguas en ilustracións
Estudantes plasmaron ou traballo de Fraguas en ilustracións XOAN A. ADOITAR

Estudantes do IES Rosalía espallan o legado de don Antonio

Pasaron máis de catros décadas dende que Antonio Fraguas se xubilou como profesor do instituto Rosalía de Castro, pero a súa semente segue a dar froitos. Alumnado do centro compostelán púxolle ilustracións a Polas catro témporas, así como a animais que imaxinou o etnógrafo, para continuar espallando o seu legado. «Supuxo un gran desafío para nós plasmar en debuxos a cultura e o folclore que el recolleu», asegurou Judit González en representación dos estudantes durante a inauguración da mostra que abriu os actos do Día das Letras Galegas no centro, segundo informa Montse García.

A exposición estivo acompañada dunha homenaxe a «un sabio entrañable», como definiu a Fraguas o director do instituto, Xavier Mouriño. A traxectoria do etnógrafo repasouna a profesora María Xosé Enríquez, que tamén foi alumna súa, que destacou que soubo «inculcarnos o seu amor pola terra». Justo Beramendi, presidente do Padroado do Museo do Pobo, recalcou que para Fraguas esta homenaxe tería un significado especial, xa que ademais de ser mestre no centro, antes xa entrara no edificio para formar parte do Seminario de Estudos Galegos. Pero se algo destacou Beramendi foi a súa bondade. «Deixou escrito nunha das súas notas: “Eu nunca lle fixen mal a ninguén”. Non só non llo fixo, senón que lle fixo moito ben. Imitémolo». Nos actos tamén interviñeron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez; e Marilar Aleixandre, en representación da RAG. Unha recreación de parte do discurso de ingreso na RAG por parte de estudantes pechou as actividades.