La Voz presentou na Academia o seu libro sobre Antonio Fraguas

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Senén Rouco

«Estancias vitais dun mestre sabio» é unha achega biográfica e intelectual ao homenaxeado co Día das Letras

16 may 2019 . Actualizado ás 17:00 h.

Antonio Fraguas foi un sabio que fixo de Galicia o obxecto de toda unha vida de estudo, pero tamén a expresión, escrita e oral, desa paixón intelectual. Ao dedicarlle este ano o Día das Letras Galegas, o 17 de maio non só celebra a literatura, senón, «sobre todo, a lingua: a lingua popular, que don Antonio utilizou a cotío como ferramenta de socialización e cultura». Así o lembrou este mércores María Xosé Fernández Cerviño no acto de presentación na sede da Real Academia Galega do seu libro Antonio Fraguas Fraguas. Estancias vitais dun mestre sabio, que La Voz ofrece este venres aos seus lectores polo prezo de 1,95 euros mais o cupón no lombo do xornal.

Con este volume La Voz súmase á celebración do 17 de maio, engadindo unha nova achega á colección Letras Galegas, iniciada no ano 2000 co tomo dedicado a Manuel Murguía, como lembrou o director do diario, Xosé Luís Vilela, e ao que lle foron sucedendo máis entregas sobre «grandes mestres». «Mestre é precisamente a palabra que mellor lle acae a Fraguas, pero tamén moitas máis: etnógrafo, folclorista ou historiador», engadiu o director, quen lembrou tamén como don Antonio se achegaba pola delegación de La Voz en Santiago a entregar as súas colaboracións -o libro de Fernández Cerviño inclúe un destes textos, dedicado a Antón Losada Diéguez-, que cualificou como «pezas mestras para coñecer a nosa alma».

Ese maxisterio de Fraguas foi un dos trazos máis sobranceiros da personalidade de Fraguas. Para ilustralo, Xosé Luís Vilela evocou unha anécdota que incluíu Joel Gómez no suplemento que La Voz dedicou ao homenaxeado coas Letras: «En 1990 foi dar unha conferencia ao que entón era o Instituto N.º 5 de Santiago. Meses despois decidiron cambiarse o nome e empezar a chamarse IES Antonio Fraguas. Esa era a súa forza». O director resumiu nunha frase como ese aspecto humilde de Fraguas agochaba un tesouro intelectual: «Parecía que miraba para o chan e miraba para as estrelas».

Exemplo cívico

Pola súa banda, Justo Beramendi, presidente do Padroado do Museo Galego, fixo fincapé xusto a ficar co exemplo intelectual pero, sobre todo, cívico, que deu Fraguas, quen tivo que soportar as «humillacións e a depuración» polas súas ideas despois da guerra: «Que nos quede o exemplo da súa obra, pero tamén da persoa. Unha persoa íntegra, comprometida co seu país, boa». Alguén que cando moitos anos despois lembrou as indignidades da represión, deixou por escrito unha frase: «Eu non lle fixen mal a ninguén». Un exemplo que debe quedar para inspiración de futuras xeracións.

A biografía, unha «recomendable vía de descuberta arredor de Fraguas»

Antonio Fraguas Fraguas. Estancias vitais dun mestre sabio é unha achega á biografía e ás distintas facetas da personalidade homenaxeada neste Día das Letras. María Xosé Fernández Cerviño explicou que o seu propósito con este libro foi acadar un retrato do home e do autor, nun texto claro e accesible para o público xeral que percorrese ese tránsito polas estancias vitais do mestre: a infancia en Cotobade, o bacharelato e o espertar intelectual en Pontevedra, as inquedanzas que trae consigo Pontevedra, o inicio da súa carreira docente na Estrada e o seu paso por Lugo antes de regresar a Compostela, onde a súa obra acadaría a súa plenitude. Fernández Cerviño lembrou o traballo feito co gallo do centenario de Fraguas e como quixo facer no libro tamén algunhas «puntualizacións a puntos imprecisos».

Para Víctor F. Freixanes, este obxectivo quedou cumprido nun libro «que é un magnífico traballo», unha «vía de descuberta arredor de Fraguas que resulta moi recomendable».

Imaxe biográfica

Ás loanzas sumouse tamén Justo Beramendi, para quen María Xosé Fernández Cerviño «fixo un gran labor de síntese, de concisión, para recoller a peripecia vital e tamén a obra científica de Antonio Fraguas». «Soubo captar a imaxe biográfica de don Antonio», engadiu. Para o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, unha institución que Fraguas axudou a promover e da que foi director, foi «todo un acerto» facerlle a encomenda desta biografía a Fernández Cerviño, por ser unha das persoas que mellor o coñeceu a Fraguas, pero tamén porque a súa fundamental contribución ao Museo do Pobo quedara algo agochada.

Se Beramendi e Fernández Cerviño falaban dende o vencello directo da admiración e o agarimo que sentían por Antonio Fraguas, estes sentimentos tamén quedaron de relevo coa participación no acto de Begoña Bas, do Padroado do Museo do Pobo. Ela foi a encargada de ler tres fragmentos da súa obra, unha pasaxe do seu libro Galicia insólita, un texto arredor das fontes e un anaco do seu discurso de ingreso na institución que onte acolleu o acto, a Academia, unha intervención sobre as coplas de Loureiros, en Cotobade. Pero antes, Bas lembrou como sendo unha estudante de Xeografía e Historia coñeceu a Fraguas en 1973 e a fonda impresión que lle deixou. Converteuse no seu mestre -canda Xaquín Lorenzo- e Bas quixo agradecerlle «o seu saber, a súa xenerosidade, cordialidade e bo humor».

A lectura da biografía de Fraguas tamén equivale a seguir as evolucións do galeguismo ao longo do século XX, porque, como lembrou Freixanes, «as súas vicisitudes tamén están encarnadas na súa persoa».

A conmoción rosaliana de Sabela

O acto tivo tamén unha faceta musical, a cargo da ex concursante de Operación Triunfo Sabela, que deu a benvida aos asistentes con dúas emocionantes adaptacións de poemas de Rosalía, Adiós ríos, adiós fontes, e Negro caravel. Estivo acompañada polo guitarrista Mateo Bruquetas e a chelista Beatriz Sardón. A exconcursante de Operación Triunfo trouxo con ela os ecos dese «vento rosaliano» -do que falou Fraguas por outra voz, a de Begoña Bas- para deixar sen alento a quen a escoitaron. A súa execución foi impecable, cunhas inflexións vocais que por intres lembraban ao fado, apoiadas polo clasicismo das cordas e o recendo a jazz da guitarra, pero a emoción ía máis alá da evidente profesionalidade do trío musical. Foi como unha onda que tomou a todos por sorpresa, ata o punto de que houbo quen tivo que disimular as bágoas pola conmoción. Quizais se deba a que Sabela, como explicou en privado antes do acto, sente unha conexión íntima e directa con Rosalía de Castro, como se aquela escritora do século XIX estivese a falar dos seus propios sentimentos, das cousas que pasan hoxe. E non só as de Sabela, senón a de todos os presentes, que no remate do acto acudiron a ela a darlle os parabéns -unha das primeiras, Saleta Goi, viúva de Manuel María, outro poeta cumpridamente musicado- e pedirlle fotos: e non só os alumnos de terceiro e cuarto de ESO dos Dominicos, que acudiron á presentación, senón tamén adultos e mesmo algún académico, que se confesou fan de Sabela e a súa música.