Que será, será?

Eduardo Galán Blanco

CULTURA

13 may 2019 . Actualizado ás 20:23 h.

Se unha película leva o teu nome no título iso é -era, ¡ai!, que esa época morreu- o star system en estado puro, ou sexa que a xente vai ao cine a verte a ti, só a ti, tipo As aventuras de Charlot, Querida Brigitte (Bardot) ou John Wayne e os cowboys. E iso tívoo a señora Kappelhoff, que era o verdadeiro apelido, con sonoras orixes alemás, desta loura raíña das comedias románticas elegantes, «de teléfono branco». Sendo nenos dos sesenta, no limiar da adolescencia, vimos infinidade de veces Doris Day no Oeste, namorados a rabiar da súa aguerrida Calamity Jane que reinaba sobre o pescante dunha dilixencia, tocada coa gorrita da Unión, vestida cunha cazadora india de flocos, as cadeiras cinguidas por cananas con fálicas pistolas. O erotismo era iso entón. ¡Que estrañas pulsións!

E todo a pesar de que Doris Day era, supostamente, edulcorada -«o meu médico non me deixa ver as súas películas, teño diabetes» dixo alguén-, áurea blandita all american girl, «virxe oficial de América» segundo a lingua viperina de Louella Parsons que mordeu Groucho Marx: «Son tan vello que lembro a Doris Day antes de ser virxe». Si, a señorita Day -pódese elixir un apelido máis apropiado?-, foi un canario dourado que cantaba aquilo de «Que será, será?» -en español- seguido dun «whatever will be, will be…», por se non se entendía a melancolía da pregunta. E foi que a canción quedou no noso imaxinario afectivo; Doris cantoulla a Hitchcock, o amigo das louras, no home que sabía demasiado e, seguramente, rumoreoulla tamén ao seu amado amigo Rock Hudson, falsa parella de mentira para acalar rumores homosexuais no Hollywood puritano das aparencias.

Pero Day non foi só pantalla decorativa de imposibles ollos azuis, aparentemente inocua e biempensante, tamén chegou a ser boa actriz, algo que se adoita esquecer, nomeada ao Óscar pola súa gran encarnación de Confidencias a medianoite.

En fin, todas esas cousas, que son dun mundo remoto, construíron unha parte de nosa máis tenra vida sentimental.