Luis Zahera: «O Goya levareillo á Coruña á miña tía Cefe, que ten case 90 anos»

Sandra Faginas Souto
SANDRA FAGINAS REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Raúl Caro | efe

O actor asegura que este premio lle fixo sentir a ilusión dun meniño o día de Reis: «Como se me trouxesen a bici»

09 feb 2023 . Actualizado ás 11:10 h.

Luis Zahera (Santiago de Compostela, 1966) vén de recoller o Goya como mellor actor de reparto polo seu papel de Juan Margallo na película O reino. Un tipo sen escrúpulos, ambicioso, ao que Zahera consegue darlle, como adoita facer sempre, un punto de humanidade para achegalo á pel do espectador. «O truco desta profesión é non ter ego», asegura. Zahera é todo un Petróleo.

-Acaba de «aterrizar» en todos os sentidos! Xa está na casa.

-En todos os sentidos, si, si. Literalmente tamén. Pero xa estou aquí, en Compostela, e todo ben, todo ben...

-Como está despois do subidón?

-Ben. Xa tiña ganas de que rematara todo isto porque foi unha semana moi frenética, que por un lado é moi agradecido, pero eu que sei!, xa empezo a estar un pouco talludito [ri], un pouco maior. Pero foi incrible o cariño dos compañeiros, foi todo moi bonito. Como cando de rapaz abrías a porta e aparecían os regalos dos Reis Magos, que ten un punto máxico moi interesante.

-O Goya tróuxolle a ilusión dun neno daquela.

-Si, si, claro. Son o meniño que debemos ter todos os actores dentro, e claro, saíume o neno de dentro, unha ilusión moi bonitiña, a verdade.

-Estaba nervioso? Esta vez vía que tiña máis posibilidades? Alguén puxo unha vela á Virxe...

-[Ri] Non o sei, descoñézoo; home, pero sendo realistas O reino colleu un pouco a onda, como din os surfistas. Ía todo ben; como se di popularmente, algún Goya tiña que caer. Isto sempre é un pouco lotería, moita xente que vota, pero si, faste ilusións.

-A súa dedicatoria foi para «a súa Julieta», o seu compañeiro Antonio de la Torre.

-Claro, claro. El é a miña Julieta, algo preparado tiña que ter nese momento por se saían as cousas, e eu estaba moi agradecido tamén a el.

-Que significa este Goya?

-Son os premios da cinematografía española, ten un punto de importancia; xa chega con estar nominado, pero se cho dan, pois é como cando che traían a bicicleta. Miña nai! Como a bici ou o Scalextric, unha cousa así, xa seguindo na liña de ser un rapaciño. Son uns premios importantes aos que lles dás valor. Agora, o que realmente valoramos os actores é manterse, ter traballo. A día de hoxe non estamos nunha época de cambios, estamos nun cambio de época. Eu creo que para os actores é un momento doce con isto das plataformas, nunca houbo tanta televisión e hai bastante traballo.

-Xa sabe onde o vai gardar?

-Vouno levar á Coruña á casa da miña tía Cefe, que é a única maior que nos queda na familia. É como a miña nai. Ten oitenta e moitos anos e voullo levar a ela, faime moita ilusión que o teña ela, evidentemente.

-Pois a ela non lle quero contar...

-Espero, espero. Falei o outro día con ela e díxenlle: «Se mo dan, xa cho levo»; e ela contestoume que encantada, xa ten algún Mestre Mateo, xa ten algún premio máis. Vai ter que facer un «mueble troferero», como dicía o outro.

-Moita xente ao velo na gala do sábado dixo: «Gañou Petróleo!».

-Claro, claro. Antonio Ferrandis morreu como Chanquete e eu morrerei como Petróleo, non hai volta de folla. A min chístame moito o de Petróleo porque foi unha serie [Mareas Vivas] que nos posicionou, hai unha morea de actores que saímos de aí. Que vou dicir eu de Petróleo! El tróuxome un lote de alegrías. Nunca abominarei de Petróleo, para min é unha parte moi importante da miña carreira e estou orgullosísimo.

-A vostede non o subornan, como en «El reino», o éxito non se lle sobe á cabeza!

-Home, claro, ese é o truco. No noso, o ego é o peor que che pode pasar. Hai que ter moito coidado con iso, moito.

-Cal é, entón, o seu «Reino»?

-O traballo, porque é tan divertido, tan marabilla que ese é o meu verdadeiro reino.

PARA SABER MÁIS