Xacio Baño: «Non vou facer películas de evasión, é cuestión de responsabilidade»

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

María Vázquez e Celso Bugallo, protagonistas de «Trote»
María Vázquez e Celso Bugallo, protagonistas de «Trote» FRIDA FILMS

«Trote», a primeira longametraxe do realizador que se estrea mañá, serve un duro retrato da Galicia rural

13 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«É unha cuestión de responsabilidade. Non vou facer películas de evasión, para que o espectador desconecte. Eu para desconectar toco a guitarra, vou a un concerto». Xacio Baño (Xove, 1983) teno claro. Hai que facer que o público se enfronte á narración, se interrogue sobre cal é a súa posición ante o conflito que se aborda no filme. «Debemos promover un cambio na educación do espectador, virar hábitos. Ao mellor sae da sala máis alterado, incómodo, pero a longo prazo seralle mellor», incide o realizador lugués, que admite que seus pais dinlle que «non van ao cine para pensar nos seus problemas, senón para esquecelos». El pode comprender iso, pero, asegura, hai que tratar de mudalo. «Como se fai? Non o sei, pero hai que facelo», insiste para anotar que, ademais, seus pais «son doutra xeración, e a xente nova xa demanda outra cousa».

Xacio Baño, director de «Trote»
Xacio Baño, director de «Trote»

Baño estrea mañá a súa primeira longametraxe, Trote, que non é precisamente unha oda á rapa das bestas; ao contrario, serve un duro retrato da Galicia rural. O sábado estará na compostelá sala Numax (17.45 horas) para presentar o filme e participar nun coloquio cos espectadores. Cunha sólida traxectoria no terreo das curtas, é un exemplo diso que lle esixe aos realizadores: «Compromiso, pelexar, ir contracorrente, espertar o público, a crítica, os medios». Son algúns dos pasos que cre que deben darse para avanzar nese modelo ao que aspira. Apela, en tal dirección, ás Administracións públicas, que, sostén, deben crear espazos, protexer, fixar cotas, lugares de proxección para este tipo de cine. «As axudas en España, en Galicia, son insuficientes. Non é posible ter unha presenza digna nos grandes festivais (é case nula porque non hai orzamentos)». Outra batalla, sinala, hai que dala nos multicines, aos que, lembra, en Francia impónselles unha porcentaxe de pases semanais reservada ao cinema do país. O Goberno galo, engade, tamén dispón axudas para chegar ao mercado con suficiencia. «Mimosas, de Óliver Laxe, por ter parte de produción francesa, saíu con máis copias en Francia que en España. E iso é surrealista», lamenta.

Hai signos positivos, acepta, neste panorama aciago. Exemplos, relata, como o da Deputación da Coruña, que axuda á distribución en salas; a Agadic, que creou un circuíto de distribución en concellos; ou distribuidores cunha idea diferente como Numax, Multicines Norte ou Códex, «que entenderon ben a súa responsabilidade». Facer unha sociedade mellor entre todos esixe renunciar, e incluso perder, advirte. «A min seríame moi fácil facer cine comercial, pero hai que ter compromiso. Fas as películas para ser querido, buscando o que o espectador quere ver? Hai que apostar pola cultura, ten sentido. É tamén unha cuestión de para que usamos os cartos, para que serven?».

O lugar do cine no mundo, insiste, debe ser axitar as conciencias, e non só facilitar entretemento, que ademais é unha batalla que o cinema ten perdida, prosegue Baño: «A sociedade de mañá non contempla o cinema para iso, está afeita ás pantallas, aos videoxogos, a escoller, quere elixir, ser protagonista, non ser pasiva». Por iso, subliña, hai que darlle un cine distinto, que faga pensar. «Se os obrigas a estar hora e media calados, concentrados, desconectados, pechados nunha sala escura, tes que ofrecerlles outra cousa», conclúe.

Non estrañan así os riscos que asume en Trote, onde elimina as ferramentas principais do actor, a mirada (foxe dos primeiros planos) e a palabra (poucos diálogos), na procura de animalizar os personaxes, cargando a ira e a tensión que agochan cando se comproban acurralados. Na pelexa por fuxir, o pasado animal sae fóra. Para remarcar esa violencia, Baño evita incluso a música -«cero, só asoma cando forma parte dunha escena»- e deixa ao uso do son os xiros no guión.

«Hai que escoitar máis ao noso animal interior»

Trote é unha película «bastante coral» sobre unha familia, a de Carmen (que encarna «unha estupenda María Vázquez») que se constrúe máis sobre o non-dito (traumas, feridas, conflitos do pasado, enquistados, que conducen á non comunicación) que sobre o verbo. Ata sobra a música, que, di Xacio Baño, «sería innecesaria vaselina para o espectador». O filme retrata a Galicia rural, unha maneira de sentir o mundo, en lugares despoboados, onde o tempo, as decisións, o ritmo, a vida, todo, é máis lento.

O animal é terra e vísceras, di o cineasta lugués, nada que sexa deseñado por un intelecto, pola creatividade. E ese animal é o que aflora cando o home (ou a muller) xa non pode recorrer á súa faceta cerebral. Na película, esa loita interior simbolízase no curro, onde combaten home e besta. O curro abre e pecha o filme, dá respostas sobre o que lle pasa aos personaxes, coma nun reflexo metafórico: animais salvaxes todo o ano que chega un día en que os marcan para recordarlles que son propiedade de alguén.

«Quero que a xente vaia á sala coa mente aberta -remata Baño-, e que saia da película coa sensación de que hai que escoitarse máis a un mesmo, ao seu animal interior. Hai un becho que se alimenta, bebe, come, caga, fode, dorme... E hai que escoitalo para ver onde te leva».