O paso do tempo visto por Vari Caramés

HÉCTOR J. PORTO REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

vari carames

O selo Fabulatorio publica o álbum «Lugares» do autor ferrolán, un foto-libro de enorme esixencia poética que reflexiona sobre os escenarios da memoria construída

20 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«Nada ten que ver cun catálogo». Vén de pechar a exposición Lugares na compostelá galería Trinta. E publica agora da man do tándem do selo Fabulatorio (Cibrán Rico e Suso Vázquez) o foto-libro Lugares. Podería pensarse na comodidade de quen, tras a mostra, edita un reconto de obras. Pero non. «É unha peza en si mesmo. O libro é a peza», anota deseguido o fotógrafo Vari Caramés (Ferrol, 1953). Lonxe dunha mera exposición de datos e materiais, «contén imaxes, un discurso, edición, deseño, intención... Non é un compendio de información. Eles dous intuíron tan ben a miña forma de ver o mundo que é como se me fixeran un guante. Quedou un conxunto tan delicioso e tan poético... É unha peza de autor!», clama sen agochar a súa ledicia.

O entusiasmo é de ida e volta. Porque para Rico e Vázquez cúmprese unha vella arela. «Vari sempre foi para nós unha referencia. Aprendemos de fotografía con el de forma involuntaria; entramos na fotografía grazas a el. Así que se pecha un círculo», anota Vázquez. Aínda que se moven entre fotógrafos máis próximos á súa xeración, este é un caso especial.

Ambos son arquitectos de formación. E, con 19 anos, colaboraban nun estudio no que o dono tiña varias imaxes de Caramés colgadas na parede. «As fotos están mal», pensabamos. E, porfiando, de repente, descubriron a fotografía. «Fíxonos un clic na cabeza», lembra. Ata albiscaron esa lóxica de Vari do desenfoque. «É unha comunicación diferente -corrobora-, non é fotoxornalismo, senón unha arte que permite que ti interpretes a obra, unha obra aberta. É un medio de expresión artística e visual. Cunha autoría detrás. Unha porta que se abre a máis cousas», enxalza.

Fabulatorio levaba uns anos falando con Vari. El ensináralles unhas fotos inéditas do seu arquivo, pero buscaban un traballo máis singular. Tempo despois, preparando a exposición de Trinta, nada máis estudar a serie sobre a que se configurou despois a mostra, xa lle presentaron unha maqueta. «Foi amor a primeira vista. A proposta saíu adiante case sen cambios», lembra Caramés.

A selección do fotógrafo para Trinta non foi a mesma, porque alí tratábase de pensar no espazo expositivo, de como se len esas 17 fotos nunha sala. Porén, a serie completa son unha trintena, e Vari cre na súa unidade, tanto que quere mostrala íntegra na Fundación Luís Seoane, no 2019. «As do libro nin as contei», asegura entre risas para remarcar a sintonía total: «Cibrán e Suso leron moi ben o ambiente, o que se respira nos lugares. É un pouco o que reflectía en Eloxio da sombra Tanizaki. Lugares é un traballo moi oriental, un canto á sinxeleza das cousas, á beleza que hai nas cousas pequenas, nas sombras, cando normalmente o que facemos -di- é apuntar a mirada cara ao que está iluminado».

As transparencias do papel de seda de cores que se intercala entre algunhas imaxes (ao modo das separatas dos álbums antigos) xeran novas imaxes. «Buscabamos a evocación dos vellos álbums de fotos familiares, salvo que aquí as separatas non protexen as imaxes, funcionan nun plano máis simbólico que literal», aclara.

Nin artificioso, nin extravagante

Ao cabo, di Vázquez, «os libros o que fan é contar historias, e a nós non nos importa tanto facer un libro raro como que as fotos de Vari se entendan mellor». Non hai no libro nada de artificioso, de extravagante, insiste. «E se facemos que o lector se sinta como ante o álbum de fotos de súa avoa, ou evoca esa visión -concede-, estará conseguido o obxectivo».

Algo así debe estar a ocorrer, porque, explica o editor, a publicación está logrando moi boa recepción, gustando moito. Tiraron 500 exemplares e en apenas uns días «xa vai alá a metade».

E que historia conta este libro? Lugares, responde Vari, fala da memoria, dos recordos, da melancolía..., aínda que non son sempre lugares persoais, e moitas veces teñen un aspecto marcadamente metafísico. «A arte sempre é unha metáfora», alega.

No libro, prosegue, está «ese lugar por onde pasas, onde xogabas de neno, que vivimos con un ser querido... «A memoria é tramposa. Está esa tendencia natural a idealizar o pasado, a sublimalo. Iso é marabilloso», celebra. Vari confesa que non sabe conducir, polo que sempre o levan no coche amigos ou a súa muller. «Así que son lugares compartidos. Pero tamén de imaxinación, de contemplación, de soidade, de creación, un oasis emocional, paisaxes perdidas onde refrescar a memoria, souvenirs dun álbum no que me atopo a gusto, lugares aos que volvo. O libro, á fin, é esa cabana onde, protexido, observas ese espazo construído», conclúe o autor.

«É un libro sobre a memoria, a de Vari, pero acaba por ser tamén unha reflexión sobre o paso do tempo», engade Suso Vázquez.