O castro de Santa Trega, patrimonio cultural ou merendeiro?

Mila Méndez Otero
mila méndez REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

XOAN CARLOS GIL

Os asistentes á Festa do Monte saltaron os precintos para facer pícnics

15 ago 2018 . Actualizado ás 23:26 h.

Figura no «Top de 10 lugares únicos» que destaca Turismo de Galicia na súa web. Ben de Interese Cultural, en 1931 foi declarado Monumento Histórico Artístico Nacional e desde 1913 os veciños e turistas da Guarda ascenden os 341 metros de altura do outeiro para celebrar no castro de Santa Trega a popular Festa do Monte. Tan de preto queren sentir a historia das milenarias pedras que algúns mesmo tiveron a idea de saltar as cintas de protección e gozar dun pícnic en plena construción castrexa.

Unha iniciativa que non pasou desapercibida nas redes sociais, onde as imaxes da festividade abriron a polémica sobre os usos cidadáns dos bens patrimoniais. «Os castros hai que tratalos co máximo respecto. Calquera movemento en falso supón a perda da memoria de miles de anos», apunta o arquitecto Carlos Fernández Coto. Preside a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural. «Ninguén pode entrar no castro de Baroña e mover pedras. Non son só un anaco de rocha sen máis. Esas paredes levan máis de dous mil anos colocadas así. Son patrimonio de tódolos galegos. Hai espazo suficiente para facer a festa fóra do xacemento, e non vale a escusa de que é unha tradición. As tradicións tamén teñen que adaptarse aos novos tempos», subliña Fernández Coto, tamén membro da Rede do Patrimonio Cultural, con 90 colectivos asociados.

Comparte a súa visión Miguel Pazos Otón, profesor de Xeografía na USC e director do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas (Cetur). «As persoas, cando facemos turismo, temos que darnos conta de que non todo vale e de que non somos os únicos con dereito a gozar. Isto transcende a calquera medida de xestión turística. É un problema de educación e concienciación. Non nos podemos apropiar de espazos públicos de interese cultural. Cando iso sucede, a administración ten que intervir», opina Pazos. O espazo do castro, un dos primeiros escavados en Galicia e tamén dos máis emblemáticos e visitados, está xestionado polo Concello. «Foi a concelleira de Cultura a primeira en enviarme a imaxe da festa», recoñece o socialista Antonio Lomba, rexedor da Guarda. El tamén leu as crítica nas redes sociais polo uso do castro. «É positivo que a xente se indigne porque iso significa que está crecendo a concienciación. Nós, dende o Concello, tiñamos delimitado o espazo restrinxido ao público cunhas cintas disuasorias indicando onde se podía e non comer. Antes do 2008 non había nada», comenta o alcalde. Aínda así, admite, non foi suficiente. «Imos valorar como actuar. Enviar a Policía Local no día da propia festa non nos parecía a mellor alternativa. A cuestión é educar e facer campañas de divulgación», insiste Antonio Lomba.

Para acceder ao monte de Trega é preciso pagar un euro por vehículo. O domingo, ao ser día de festa, a entrada foi gratuíta. «Esa recadación poderíase investir en reforzar a vixilancia», desliza Miguel Pazos. Aínda que as fotografías do castro da Guarda protagonizan o debate, en Galicia hai moitas máis celebracións e actividades que se realizan xunto a espazos protexidos. «Se se fai nun día moi concreto do ano, se limitan a comer, o fan con respecto, logo recollen e non afectan ao castro, non vexo tanta problemática. Senón, tamén se debería prohibir pasar e facer fotos nunha visita ou que se apoien nas paredes, como pasa, a non ser que sexan elementos musealizados», comenta outro experto que traballa nun xacemento de similares características e prefire que non se cite o seu nome, consciente do balbordo.

Galicia, lembra Carlos Fernández Coto, «é un dos lugares da Península con maior cantidade de patrimonio. Ourense é a segunda provincia española e na Ribeira Sacra está a segunda maior concentración de románico de Europa. O que falta é profesionalización e tradición». Da cultura castrexa á do século XXI, que o monte de Santa Trega teña moitos máis séculos por diante depende das accións do presente.

En Barreiros denuncian o uso dun castro como un aparcadoiro

A polémica de Santa Trega non é a única polo trato propinado a elementos patrimoniais. Hai uns días saltaba a alarma polo castro de punta de San Pedro de Benquerencia, en Barreiros. Mariña Patrimonio e Adega denunciaron ante o Seprona o uso do xacemento como un aparcadoiro improvisado para turismo e autocaravanas.

O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, escúsase en que non é unha propiedade municipal. Trátase dun terreo privado. «É responsabilidade municipal catalogar o patrimonio e protexelo. Temos que darnos conta de que a meirande parte do noso patrimonio está en mans privadas, dende petróglifos a pazos», argumenta o arquitecto Carlos Fernández Coto.