O Resurrection abre o paraíso do rock en Viveiro con Ghost e outras 30 bandas

O festival que atrae público de 42 países prologárono Ministry e outros seis grupos

Viveiro xa é Resurrección Fest

viveiro / a voz

A cor negra impera nas vestimentas de miles de fans que enchen Viveiro, seducidos polo Resurrection. Nun ritual que se repite desde hai 13 anos, acoden ao mellor festival de gran formato da península Ibérica, a ese que converte á capital da Mariña lucense no paraíso do rock. Blindada nos accesos e no interior, a harmonía reina no medio das riadas humanas que percorren a cidade antes e despois de congregarse no templo da música preparado á beira do porto de Celeiro. Ministry e outros seis grupos prologaron onte o monumental espectáculo de son e luz que hoxe comeza a escalar banzos con Ghost e outras trinta bandas.

Temperaturas agradables e nubes recibiron aos espectadores de 42 países que compraron entradas para un Resu no que a organización acreditou a máis de 300 medios de comunicación do planeta. Acampadas gratuítas, xente acolledora e a música que lles gusta compoñen un cóctel irresistible para fans de case todas as idades, nenos incluídos, porque a eles tamén os atenden mentres o seu pais gozan cos seus grupos preferidos.

Viveiro xa é territorio Resurrection desde o luns, como ben saben hostaleiros e comerciantes e veciños. Tamén o notan as forzas da orde e os medios de protección civil, públicos e propios do festival, que redobran esforzos porque a seguridade no edén do rock mellora con vehículos e axentes de uniforme ou camuflados, e intensifícase con medidas antiterroristas.

.

Xa desde primeira hora da mañá había fans ás portas do Resu. Non abría ata as cinco da tarde, pero palpábanse as ganas de trocar en despachos de billetes as entradas polas pulseiras plásticas que dan acceso ao recinto.

Quentou motores cunha festa de benvida co metal industrial de Ministry como cabeza de cartel. Con el, nun dos catro escenarios, soaron o rap metal de Powerflo, o hardcore punk de Jello Biafra and The Guantanamo School of Medicine, o rock electrónico de The Quemis, o metalcore de Teksuo e o hardcore punk de Golpe Radikal. Oito horas de concertos como anticipo dos 93 que quedan de hoxe ao domingo. A 31 por día, en catro escenarios. Catorce horas ininterrompidas de música nun recinto no que hai de todo.

No único concerto que ofrecerá na Península este ano, Ghost, a banda sueca que lidera Tobias Forge e na que Cardinal Copia releva ao Papa Emeritus III, presenta hoxe o seu disco Prequelle, que o achegou ao gran público e está considerado exemplo do bo rock duro. Toca no escenario principal, o maior de España e dos máis grandes de Europa, onde tamén soa Stone Sour, a outra banda metal de Corey Taylor que chega a Viveiro na súa única actuación do 2018 en España. Considerados os pais do death metal melódico, At the Gates despuntan nun menú que inclúe o hardcore dos canadenses Cancer Bats e o dos californianos Stick to Your Guns, o black metal de Wolves in the Trone Room e moito máis.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
1 voto
Comentarios

O Resurrection abre o paraíso do rock en Viveiro con Ghost e outras 30 bandas