Vacas con licenza para calzar Manolos

Martín Bastos

CULTURA

11 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Non poderán dicir que non cumpro a miña palabra. Onte prometíalles unha noticia zumenta, e láctea, e alá vai. Pero antes, para contextualizar, hei de remontarme a maio do 2000, cando desembarcou en España unha «provocativa serie» que HBO lanzara nos Estados Unidos xusto dous anos antes. Detrás estaba a creadora de Sensación de Vivir e Melrose Place, producións que fascinaran a toda unha xeración de teenagers . Entón algo tiña que ter aquel novo produto anunciado aos catro ventos. A estrea foi en Canal +. Foi colocada na grella xusto despois doutra serie de culto para o meu gusto, Os Soprano. Foi chegar e bicar o santo porque as mozas de Sexo en Nova York conquistaron ao público feminino dun modo que, creo, non fixo ningunha outra serie posterior. Por moito que agora se empeñen en criticala, por machista. E foi unha daquela mozas, Carrie, interpretada por Sarah Jessica Parker, a que popularizou os zapatos dun deseñador canario, Manolo Blanik, que calzaba a xente máis top da cidade dos rañaceos. Pero como por aquel entón non había nin Instagram, nin influencers, nin blogueras, nin farrapo de gaitas, neste lado do Atlántico non nos decatamos do forte que pisaban os Manolos ata que nolos contou Carrie. Eran os seus favoritos.

Pois ben. Despois de todo este discurso nostálxico, hei de dicirlles que non moi lonxe de Nova York, en Litchfield, no estado de Conneticut, hai unha granxa de vacas con licenza para calzar Manolos. Non é broma. Abondaría con que os seus donos rogasen ao deseñador canario que adaptase uns estiletos para as pulcras pezuñas destas vacas para que estas puidesen calzárselos. Non cabe dúbida que non o fará porque as reses non estarían cómodas. Son vacas. Non teñen un peso apto para tacóns. Aínda que a primeira orde que George Malkemus e Anthony Yurgaitis, os donos desta granxa con nome de orquídea (Arethusa), dan ao que chega a traballar aos cortellos é que as vacas «son damas, hai que tratalas como tal». Para que non o esquezan, a lenda está impresa nas paredes desta inmaculada explotación da costa este.

A pregunta que se estarán facendo agora é quen son estes granxeiros con tanto amor por estes bovinos. En realidade son gandeiros de produtos lácteos a tempo parcial porque a súa principal ocupación está en Manolo Blanik. Porque son presidente e vicepresidente da compaña para o norte e o sur do continente americano, respectivamente. Como chegaron ata este lugar de Conneticut é doado de explicar.

Como recollía fai uns anos un artigo publicado en The New York Times, en 1996 compraron unha granxa de cabalos alén da estrada. Para que os desenvolvementos urbanísticos non estragasen as marabillosas vistas que tiñan en fronte adquiriron en 1999 unha granxa en risco de extinguirse fundada en 1869 pola familia Webster que se estendía ao longo 350 acres de terreo (141 hectáreas). Foi dous anos máis tarde cando chegaron a Arethusa as primeiras cabezas. Foron unhas holsteins, as vacas que reinan nos cortellos de leite de Galicia. As xerseis chegaron pouco despois, xusto antes que as brown swiss.

A granxa vai vento en popa. As «damas» dormen en camas de heno en cortellos totalmente inmaculados polos que non hai que quitarse os Manolos, pastan nos verdes prados de Conneticut... Todo para producir leite, xeados, varios tipos de queixo para as tendas gourmet máis top do país. Ata abriron varios restaurantes.