Será Marte como nolo ensinou o cine?

Laura Penayo / C.C.

CULTURA

Youtube

A máis recente evidencia de posibles rastros de vida no planeta Marte reaviva as fabulosas películas que axudaban a imaxinar o que podía haber máis aló do Sistema Solar

08 jun 2018 . Actualizado ás 17:01 h.

Que se invadían a terra, que se atacaban con naves ou que serían a salvación dos terrícolas. Moito falaron deles e, entre fantasías e teorías, a posibilidade da existencia de vida extraterrestre volve ser o centro de atención.

Estes seres reaparecen con pegadas novas, detectadas polo rover Curiosity da NASA. Rastros que non deixan ver máis que moléculas orgánicas en rocas marcianas de 3.000 millóns de anos de idade. Lonxe dos míticos seres verdes e grises que daban forma á súa especie na pantalla grande, a ciencia achégase máis á teoría que proba a súa existencia pola cantidade de metano da atmosfera, o que xa supón un avance na posible habitabilidade en Marte.

E se as mentes creativas de ficción puideron imaxinar a vida en planetas alleos, os científicos vense cada vez máis preto de chegar a evidencias concretas. «Marte está a dicirnos que sigamos buscando pegadas de vida», dicía nun comunicado da NASA Thomas Zurbuchen, administrador asociado para o Directorado de Misións Científicas.

Aínda que os últimos descubrimentos non poidan afirmar a detección de vida en Marte, desde a NASA confían en que as seguintes misións planificadas no planeta vermello dea resultados que nos deixarán sen alento».

 Marte no cine e os libros 

Pero, de todas as recreacións sobre extraterrestres que fixeron o cine e a literatura, algunhas perduraron máis no inconsciente colectivo. Como os famosos «hombrecillos verdes», cuxo orixe non se sabe a ciencia exacta e o máis probable é que sexan unha prolongación espacial de pequenos seres dos bosques e dos países de fadas. Así, por exemplo, aparece nunha princesa de Marte (1912) -da serie literaria Barsoom de Edgar Rice Burroughs- uns bichos feos moi altos e con catro brazos. A imaxe do extraterrestre verde foi, anos despois, un lugar común nas revistas pulp estadounidenses instalouse no imaxinario popular a finais dos anos ‘30.

Máis tarde foron retratados en tons grises ou marróns, como na película E.T., onde xa viñan en son de paz e ata podían facer amigos. Apareceron tamén en Avatar os azuis na'vin do planeta Pandora, que viñan ensinar o seu respecto e relación estreita coa natureza.

O certo é que, por agora, a ciencia non ten evidencia exacta da súa aparencia. E sólo queda imaxinalos en forma de estraños monstros, humanoides grises ou seres parecidos a enormes insectos. Ou, tamén, perderse nos seus mundos e aventuras con algunhas destas películas.

 Sinais 

Graham Hess é un pastor protestante que vive cos seus dous fillos e co seu irmán Merrill. Tras a morte da súa esposa nun accidente de tráfico, Graham perde a fe e, en consecuencia, abandona aos seus fregueses. Unha mañá, ao espertarse, atópase con que os seus fillos fixeron un descubrimento arrepiante nos campos de millo que rodean a súa granxa.

Independence Day

En véspera do 4 de xullo, unhas xigantescas naves espaciais aparecen no ceo. O estupor inicial convértese en terror ao ver como atacan o planeta lanzando raios destrutivos contra as maiores cidades do mundo. A única esperanza de salvación está en mans dalgúns sobreviventes, que se unen planeando un ataque masivo contra os alieníxenas, antes de que sexa demasiado tarde. 

A chegada

O goberno dos EE.UU. contrata á prestixiosa lingüista Louise Banks para que se comunique cuns alieníxenas que chegaron á Terra. Conforme ela aprende o seu idioma, vai experimentando regresións moi intensas que desvelan a verdadeira misión que lles levou ata o noso planeta.

Paul 

Aventuras de dous ingleses que viaxan ata a Cómic Con e, despois, ata a área 51. No seu camiño atópanse cun pequeno alieníxena chamado Paul que necesita que lle presten axuda para escapar do Goberno e atopar o camiño de regreso ao seu fogar.

E.T. 

E.T. é un traveso extraterrestre que foi abandonado na Terra. Completamente sólo e desorientado, coñecerá a Elliot, un neno que aínda que ao principio lle traerá máis problemas que alegrías, converterase pronto no seu amigo e protector.