«Serramoura» trasládase ao conflito dos Balcáns dos 90

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O capítulo desta noite lembra o pasado militar de Diego Bazán

27 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O capítulo de Serramoura que emite esta noite, ás 22 horas, a Televisión de Galicia lembra o pasado militar de Diego Bazán e traslada ao espectador ao conflito dos Balcáns, ocorrido na década dos noventa.

Os montes do municipio coruñés de Coirós foron o escenario no que se recrearon as escenas que lembran aquela guerra que marcou ao Leste de Europa. Ata o boscoso concello galego foron desprazadas o pasado marzo máis de cincuenta persoas de Voz Audiovisual, produtora da serie. Entre eles había unha ducia de figurantes ataviados con roupas que evocan ás usados naquela guerra.

Pero que pasará no capítulo desta noite? Tras a aparición do corpo de Carlos no pozo do mosteiro, o posto de mando de Serramoura incrementou a presión sobre os monxes da comunidade de Santa Catalina, na que segue infiltrado Quique. Alí, día a día, parece estreitar a súa relación con Ezequiel, a súa preceptor. Un home de Deus que, por algún motivo, podería coñecer o pasado militar do sarxento Bazán. Mentres tanto, Raquel segue adiante no seu intento de vender os montes. Agora necesita o diñeiro máis que nunca, pois, co seu pai no cárcere, as irmás Neira enfróntase a un gasto moi elevado en avogados.

Pola súa banda, a Hugo non se lle escapa que poderían estar ante unha oportunidade para que Evaristo realice un bo investimento... de paso que axuda a Raquel, claro. Pero, aceptará ela a caridade de quen un día foi a súa parella?

O futuro de Román

Aínda que para o patriarca dos Fiúza, agora mesmo hai temas máis importantes dos que ocuparse e o primeiro deles é o seu fillo. O que non sabe o seu pai é que Román xa se desfixo da pistola que colleu na súa casa, polo que o risco de que se quite a vida parece ser cada vez máis pequeno. E se hai algunha persoa que teña axudado á mellora do estado de ánimo do fillo de Evaristo é Luz. Pero, ata onde chega o afecto desinteresado da camareira por Román? Porque non podemos esquecer que o seu xefe se chama Evaristo Fiúza.

Para estar ao tanto da evolución da serie Serramoura, os espectadores poden seguir a gravación e descubrir todos os segredos da serie nas seguintes redes sociais: www.facebook.com/serramoura.serie / www.twitter.com/serramoura_tvg / www.instagram.com/serramoura.serie / www.serramoura.com.