Cine galego «cum laude»

miguel anxo fernández

CULTURA

«Dhogs» consagra ao debutante Andrés Goteira e confirma unha evidencia: é posible facer cine propio de altura

19 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Fondo e forma, dous sumandos óptimos para calquera filme con aspiracións de relevancia. Máis aínda no cine con bitola de galego e aspiración universal. Como Dhogs, que, para este crítico, se non é o mellor redondeado, é a ficción máis escintilante producida desde a Breogania, un made in Galicia que consagra ao debutante Andrés Goteira e confirma unha evidencia: é posible facer cine propio de altura cando o talento agroma recio, sen poñer por diante os cartos -aquí recoñezamos o tino da Agadic ao ter apostado por un proxecto innovador- e axustando a produción. Os lindes deste espazo impídenme estenderme nos cualificativos, pero aventuro que haberá un antes e un despois da achega de Goteira e o seu entusiasta equipo desde esa Meira de apenas dous mil chairegos, que xa teñen outro motivo para virse arriba. Súmese ao que representa o filme -cos seus moitos galardóns, mesmo arrasando nos recentes Mestre Mateo-, a fazaña dunha estrea masiva no contexto da semana grande das nosas Letras.

Pero tamén falamos de arte, dun guión complexo e dunha trama pouco convencional, que arranca impactante: un ateigado patio de butacas que nos mira a nós que tamén… miramos. A cámara de Lucía C. Pan -xa non é promesa, pronto voará alto- comeza a moverse e devólvenos a onde converxeremos todos os miróns: a un escenario. Nova secuencia: un taxista na noite baleira de calquera cidade -Morris, silente, de rostro magnético- leva a un cliente -Blanco, impecable- colgado dun móbil para rematar nun hotel conversando e algo máis, cunha muller de bandeira -Cruz, xa consagrada- que terá a clave. Seguen outras: unha gasolineira perdida, un mozo friki, a súa nai amargada -Costas, papelón-; despois, a cabana nunha paraxe desértica cun tipo avariado -De Lira, un crack- cun rifle e un can vello… En aparencia nada cadra, para rematar cadrando todo, cuberto por unha atmosfera singular nun habilidoso xogo de realidade e ficción. E os silencios. E o teu rol de espectador confuso pero ao tempo seducido por un desenlace que abre fiestras cara ao plano final. Cum laude para Andrés e toda a tropa.