A primeira película sobre Rosalía retrata o lado máis íntimo da poeta

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XURXO LOBATO

Zenit preestreou en Compostela o filme televisivo que recrea a súa historia de amor con Murguía

12 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Madrid. Mediados do século XIX. As conspiracións están á orde do día no final da era absolutista. A capital de España é unha cidade «callada de palacios, sementada de xardíns, chea de luxosas damas e sobordando alegría», describía daquela unha Rosalía de Castro aínda nova, entusiasmada por escribir e por coñecer novas fronteiras culturais. Alí se fragua a muller feminista e namorada que retrata Contou Rosalía, a primeira película sobre a poeta galega, na que se amosa o seu lado máis íntimo, ao tempo que se refire a unha das súas obras máis descoñecidas, O cabaleiro das botas azuis.

Lonxe da imaxe melancólica de Rosalía, a ficción que Zenit preestreou onte en Compostela presenta a unha moza desafiante e apaixonada que loita contra as convencións da época nuns tempos nada doados para as mulleres. A longametraxe recrea a súa historia de amor co historiador e escritor Manuel Murguía. Primeiro, unidos pola preocupación polo pobo galego, e logo, pola paixón. A propia Rosalía narra como labra o seu camiño en parella e trata de esquivar as pedras dunha sociedade machista.

Dirixida por Zaza Ceballos, a obra para televisión estrearase na TVG o próximo mércores, na véspera do Día das Letras, seguida dun documental sobre a nova aposta audiovisual de Zenit, a cal se suma aos traballos anteriores en colaboración coa canle autonómica e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) baseados nas vidas de Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Juana de Vega, cos que busca poñer en valor o papel de mulleres pioneiras.

«Amósannos o pasado recente de Galicia, fálannos do cambio social e económico que experimentamos como pobo sen perder as nosas raíces e reflicten figuras que traballaron en prol dunha sociedade máis xusta e moderna», destacou o director da Agadic, Jacobo Sutil, na presentación de Contou Rosalía. Sutil estivo acompañado pola directora do filme, o director de proxección social da CRTVG, Xaime Arias, e do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, quen enxalzou á poeta coma «todo un emblema» que «une Galicia» e que, porén, «carecía dunha produción no mundo do audiovisual» que se ocupase da súa figura.

Contou Rosalía, na que Melania Cruz encarna á escritora e Fran Lareu a Murguía, emitirase en forma de miniserie (en dúas entregas). A rodaxe desenvolveuse entre maio e xuño do ano pasado. Conta cun reparto integramente galego e filmouse enteiramente en Galicia. Entre as localizacións elixidas están o pazo de Quiroga de Abegondo, diferentes edificios e exteriores da Coruña, o castelo de Corcubión e o IES Eusebio da Guarda.

Zenit destacou o esforzo feito na recreación histórica das localizacións e as caracterizacións (traballaron a partir de fotos e documentación da época para recreala).