O pleno da RAG nomea académica á xornalista Ana Romaní 

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Ocupa a vacante da poeta Xohana Torres, falecida o pasado 12 de setembro

18 mares 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Na sesión convocada na mañá de onte, o pleno da RAG (Real Academia Galega) nomeou a Ana Romaní académica numeraria electa. A candidatura -oficializada no plenario anterior- propúxose para cubrir a vacante da poeta Xohana Torres, falecida o pasado 12 de setembro. A nova ocupante da cadeira lerá o seu discurso de ingreso nunha sesión plenaria extraordinaria que se celebrará nos vindeiros meses. Na mesma xuntanza de onte foi elixida académica correspondente a lingüista Carme Pazos Balado.

Poeta e xornalista, Romaní (Noia, 1962) está desde 1990 á fronte do programa decano da información cultural diaria da radiodifusión galega, o Diario Cultural da CRTVG, que é tamén un dos máis veteranos no seu eido en España. O interese de Ana Romaní pola permeabilidade da radio ás escritas literarias e ás dinámicas de creación contemporánea levouna a promover iniciativas como o premio Diario Cultural de teatro radiofónico, que desde o ano 2006 deu lugar a máis de corenta obras de teatro radiofónico e que propiciou a renovación deste xénero.

A profesora Carme Pazos (1968), experta no estudo do léxico galego, foi durante moito tempo peza fundamental do Seminario de Lexicografía da Academia, ao que estivo vinculada durante case 25 anos. Participou na edición do Dicionario da RAG de 1997 e na posterior versión dixital.