Identidade e universalidade fúndense nunha viaxe de dous séculos pola arte galega

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

«Galicia universal» reúne 192 obras de Abanca e Afundación no Museo Gaiás

17 mares 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Un gran mapa de Galicia que pintara Urbano Lugrís para un concesionario de coches da Coruña e un cadro de Laxeiro -que inicialmente foi un mural do Café Moderno de Pontevedra- son o marco de entrada á mostra que percorre os últimos douscentos anos da arte galego. De Pérez Villaamil (Ferrol, 1807) a Antía Moure (Monforte, 1981). Entre eles, outros 117 artistas de diferentes épocas, estilos e técnicas. A exposición Galicia universal, que onte se inaugurou no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, reúne 192 obras para mostrar todo o potencial dos creadores galegos, deixando patente que non foron alleos ás grandes correntes artísticas e, ao mesmo tempo, tamén eles influíron. Trátase dunha selección das máis de 6.300 obras que forman parte das coleccións de Abanca e Afundación. 

Case duascentas pezas de pintura, escultura, fotografías e instalacións impregnadas por dous conceptos. Por unha banda, a identidade. «Todas as obras son metáforas vivas da Galicia universal», destacou o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet. Unhas palabras nas que tamén coincidiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo: «Nestas creacións pódese ver a metáfora do que somos (...) Cada un dos 119 creadores recrean un anaco do país». O outro denominador é a universalidade. «Sempre, en calquera circunstancia, o rexional e o universal ténsanse e enriquecen mutuamente», afirmou o presidente da entidade bancaria, mentres que Núñez Feijoo apuntou que «os momentos, paisaxes, facianas e espazos son unha galeguidade universal e un universalismo galego», engadindo que poucas comunidades das mesmas dimensións que Galicia «teñen unha produción artística tan intensa, tan variada e tan rica».

Tamén un Picasso

Unhas palabras que escoitaron varios dos autores de obras da exposición, como Antón Patiño, Menchu Lamas, Paco Pestana, Xurxo Ouro Claro, Santi Jiménez, Acisclo Manzano, Antía Moure, Quintana Martelo, Elena Colmeiro, así como familiares doutros xa falecidos. As súas creacións artísticas conviven con outras de Virxilio Viéitez, Francisco Asorey, Manuel Colmeiro, Maruja Mallo, Luís Seoane, Castelao, Francisco Leiro, Berta Cáccamo, Álvaro Negro ou Antón Lamazares. Nesa ampla lista tamén está incluído Picasso, cun debuxo en tinta sobre papel da súa época na que estivo a residir na Coruña. «Trátase dunha asombrosa concorrencia de traxectorias artísticas», afirmou Juan Carlos Escotet, apuntando que esta exposición, que poderá visitarse ata o 14 de outubro, é un «fito da historia recente das artes visuais en Galicia».

Se a porta de entrada á exposición baseada en obras das coleccións de Abanca e Afundación son Lugrís e Laxeiro, na despedida están creacións que se están abrindo paso nos museos, como unha ilustración de Santi Jiménez ou unha pintura acrílica do grafitero Nano4814.

Dez eixos temáticos distintos e novas perspectivas para algunhas pezas

Galicia universal está estruturada en dúas plantas agrupando as pezas sobre dez eixos temáticos diferentes: cultura popular, representación da muller como imaxe do país, paisaxe do Romanticismo, natureza morta, grandes escenarios e formatos, retrato típico e arquetípico, compromiso social e político, entre a abstracción e a nova figuración, Atlantismo, e local e universal. Se na primeira planta do Museo Gaiás agrúpanse as primeiras seccións, onde a maior parte de obras son cadros ou esculturas; na segunda recóllese xa unha nova linguaxe artística, no que a obra se expande e sáese do marco. Nesta última parte, o deseño expositivo permite observar desde outras perspectivas as creacións ao situar as pezas en estruturas como as que se utilizan para conservalas nas pinacotecas. Desta forma, algúns dos cadros poden verse tamén pola parte traseira do lenzo e achegarse máis ao proceso creativo.

Por outra banda, ao longo da exposición hai numerosas conexións familiares: pais-fillos (como a de Manuel e Elena Colmeiro) ou irmáns (Cristino e Maruja Mallo ou Teodomiro e Serafín Avendaño). Hai obras, ademais, con historias singulares detrás, como o cadro que Seoane pintou para axudar a un cura multado por unha homilía contra a pena de morte.