Decenas de actos lembran a Victoria Moreno, a cacereña que ensinaba galego

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO

CULTURA

santiago

O Día das Letras Galegas rende homenaxe a unha pioneira da literatura infantil

14 mares 2018 . Actualizado ás 21:34 h.

O Día das Letras Galegas está dedicado este ano a María Victoria Moreno, escritora e profesora, considerada unha das pioneiras da literatura infantil e xuvenil galega. Ao longo dos vindeiros meses numerosas localidades acollerán actos de homenaxe a esta muller que naceu en Cáceres en 1939 e chegou a Galicia no 1963, onde viviu ata o seu pasamento no 2005 en Pontevedra. Toda a programación presentouse no Gaiás nun acto no que ademais do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e os presidentes da Real Academia Galega e do Consello da Cultura, Víctor Freixanes e Ramón Villares, estiveron tamén a directora adxunta ao director da CRTVG, Rosa Vilas, e o viúvo da autora, Pedro Ferriol.

Haberá case medio centenar de actividades en Galicia de distinta natureza. Exposicións, obradoiros, contacontos, campañas institucionais, concertos, xornadas académicas e mesmo estreas de televisión. O acto central, o propio día 17 de maio, terá lugar en Pontevedra, na xunta extraordinaria e pública da RAG. Entre as mostras audiovisuais destaca a exposición itinerante comisariada por David Pintor, quen fixo o cartel deste ano en homenaxe a María Victoria Moreno e que percorrerá once concellos con doce paneis e dúas vitrinas con obxectos persoais da autora.

Pedro Ferriol, quen se escusou por non falar ben o galego e preferiu usar o castelán, agradeceu o esforzo feito na programación de tributo a quen foi a súa muller, «que merece esta homenaxe», xa que houbo certo silencio sobre a súa figura, apuntou. E recordou algunhas facetas da escritora que ao mellor non son tan coñecidas, como a censura á que foi sometida durante a ditadura de Franco, ata o punto de que se lle retirou o pasaporte. Rexentou unha librería en Pontevedra na que se lían libros censurados e daba cursos de galego, algúns deles de xeito clandestino.

Aínda que todos os escritores aos que se lles dedica o Día das Letras teñen as súas singularidades, apuntou Ramón Villares, hai dúas que fan moi especial a María Victoria Moreno: ser unha adiantada da literatura infantil e xuvenil galega que despois tantos éxitos lle deu a esta comunidade coa publicación de Mar adiante, obra pioneira neste xénero literario; e a capacidade de quen é «alófono e alóctono» para converterse en «autóctono e galegófono», xa que Moreno chegou a Galicia cando xa tiña 24 anos.

Escritora e docente

Pola súa banda, o presidente da RAG, a entidade que instituíu o Día das Letras Galegas, sinalou tres aspectos polos que se escolle ao persoeiro do 17 de maio: a significación da obra e da traxectoria da homenaxeada; a memoria histórica que se poida recuperar; e a súa significación na dinámica social, apuntou Freixanes. Román Rodríguez incidiu na dobre dimensión de Moreno como escritora e docente, e no feito de que demostrou que non hai límites para aprender un idioma. Finalmente Rosa Vilas recordou a programación da canle pública nestes días, que inclúe un especial biográfico da escritora, que se emitirá na TVG en horario de máxima audiencia; e a estrea dunha ficción sobre a vida de Rosalía de Castro, a primeira persoa á que se lle dedicou o 17 de maio. Co título Contou Rosalía, e ambientada no Madrid de mediados do século XIX, narra a súa paixón de escritora e o seu reencontro co historiador Manuel Murguía.