Bryan Singer, director da saga «X-Men», acusado de violar a un menor

EFE

CULTURA

Bryan Singer
Bryan Singer Hannah Mckay | reuters

O cineasta estadounidense nega os feitos a través dun comunicado. Non é a primeira que é acusado de algo así

08 dic 2017 . Actualizado ás 19:26 h.

Novo testemuño, nova acusación. E, de novo, no centro do relato, un nome poderoso da industria cinematográfica. O sinalado é esta vez Bryan Singer, director da saga X-Men, denunciado este venres no estado de Washington por  supostamente ter violado a un menor hai 14 anos. A vítima, César Sánchez Guzmán, asegura que Singer abusou sexualmente del no 2003, cando tiña 17 anos. Segundo a súa versión, o cineasta estadounidense obrigoulle a practicarlle sexo oral nun iate propiedade de Lester Waters, un millonario investidor do mundo da tecnoloxía «que frecuentemente organizaba festas para mozos homosexuais na zona de Seattle». Despois, penetroulle. O director, de 52 anos, negou as acusacións a través dun comunicado remitido á publicación US Weekly

Mantén Sánchez Guzmán que Singer lle dixo que era un coñecido produtor de Hollywood e que, se non comentaba nada do ocorrido, podería axudarlle a entrar na industria con papeis como actor. «Díxolle a César que ninguén lle crería se falaba  sobre o sucedido e que contrataría a xente capaz de arruinar a súa reputación», sostén a demanda presentada ante o tribunal de Seattle.

Non é a primeira vez que Singer é acusado de algo así. No 2014, Michael Egan III revelou que abusara sexualmente del cando este era menor de idade, en 1999. Declarou entón que foi «violado numerosas veces» nunha mansión de Los Ángeles onde se celebraban habitualmente «sórdidas festas» nas que os invitados, relacionados coa industria de Hollywood, mantiñan relacións con adolescentes. A acusación foi desestimada.

O avogado que se encargou da demanda de Egan III é o mesmo que agora leva o caso de Sánchez Guzmán. «Aparentemente, César non lembraba este suposto incidente desde o 2003 ata agora», sinalou o representante de Singer, quen sostén que o director «nega categoricamente estas alegacións e defenderase vehementemente desta acusación ata o final».

O estudo 20th Century Fox despediu este luns a Singer como director de Bohemian Rhapsody, un traballo sobre a soada banda británica Queen.

A decisión responde ás repetidas ausencias do cineasta no estudio da película. Previamente, Fox anunciara -o 1 de decembro- que a rodaxe se suspendeu temporalmente debido «á indisposición inesperada» de Singer. Un representante do realizador indicou entón que a súa ausencia se debía a un «asunto persoal de saúde».

O director asinou cintas como Sospeitosos habituais, Superman Returns e catro entregas da saga X-Men.