A SGAE insiste na súa presión para que o comercio pague pola música

A sociedade di que a tarifa diaria costa menos do que vale un café

.

pontevedra / a voz

A Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE), amparada pola Lei de Propiedade Intelectual, está a presionar ao comercio local, polo menos ao de Pontevedra e Marín, para cobrar pola música ambiental das tendas. É dicir, para que os empresarios paguen por escoitar a radio -dá igual que sexa unha emisora musical que unha xeneralista- ou cancións a través de calquera outro soporte nos seus establecementos. A SGAE insiste en que non ten ningunha campaña específica nesta zona, que se trata dun «seguimento periódico da actividade». Pero os comerciantes teñen unha visión oposta. En Pontevedra, varias tendas de distintos sectores indican que ultimamente reciben de forma continua cartas, chamadas, burofaxes ou visitas de comerciais para que paguen a taxa. Así que os empresarios o teñen claro: «Agora toca que nos abrasen aquí». E, en Marín, o centro comercial urbano Estrela de Marín sinala que desde o día da Lotería de Nadal, 22 de decembro, ata marzo, foron visitados 17 locais asociados e posiblemente outros que non son socios.

Tanto en Marín como en Pontevedra distintos comerciantes describen a mesma situación. Din que primeiro recibiron unha carta indicándolles que, dado que teñen acendida a radio ou pon música nas súas tendas, deben asinar un contrato coa SGAE e abonar unha taxa. E logo, no caso dos que se negan a pagar, comeza un longo rosario de chamadas telefónicas, burofaxes ou visitas ás tendas. En Marín, fontes do centro comercial urbano indicaron que algúns dos seus asociados intentaron asinar os contratos, pero desistiron porque «non lles deixaban lelo», cousa que a SGAE nega. No caso marinense, a asociación de comerciantes decidiu tomar as rendas do asunto e pediu unha reunión cos representantes galegos da SGAE. Mantívose ese encontro e estase vendo a posibilidade de asinar un convenio para que, polo menos, os comerciantes teñan descontos á hora de pagar.

Outra das denuncias dos comerciantes refírese a que lles piden unha cantidade pero, se non están conformes, dinlles «que se pode chegar a un acordo». A SGAE, que insiste en que o único que fai é velar polo cumprimento da lei, nega que entre en procesos de «regateo» e sinala que o único que fai é aplicar bonificacións reguladas en determinados casos, por exemplo si o negocio está adherido a algunha asociación de comerciantes con acordo coa SGAE.

A SGAE indica que a tarifa para a música ambiental é alcanzable. Indica que un comercio de ata 50 metros cadrados paga 7,01 euros ao mes e de ata 100 metros 19,30 euros mensuais (máis IVE). Indica que en ambos os casos a taxa sae ao día por menos do que custa un café. Di tamén que a gran maioría paga o canon sen queixa algunha.

«Séntome acosada, xa lles dixen que iamos apagar a radio»

A media mañá, mentres pon un cartel para promocionar unhas «patacas novas», Isabel García, propietaria de sete fruterías en Pontevedra e Marín, murmulla para o pescozo da súa camisa: «Non podo máis cos da SGAE, téñenme farta». Cando se lle pregunta que lle leva a falar así, con voz angustiada, responde : «Pois que non podo máis coa presión que me están metendo coa música do local, que no meu caso é a radio, e nin sequera unha emisora musical, pero dinme que teño que pagar. Pómola para non aburrirnos, que beneficio de aí non sacamos. Pídenme doce euros ao mes por tenda e, ao ter sete, son case cen euros. Eu, tal e como están as cousas, agora mesmo non mo podo permitir. Con ese diñeiro comen os meus fillos. Eu non sei si danse conta de como estamos os comerciantes», indica. Logo, explica que ela recibiu unha carta certificada, burofaxes e, sobre todo, un aluvión de chamadas. «Chámanme a min ao móbil, ao meu marido, chaman ás tendas. Sempre chaman desde un número de Madrid... Eu dígoo sinceramente, séntome acosada. Xa lles dixen que iamos apagar a radio. Dixéronme que virían comprobalo. Así que a apagaremos», sentenza Isabel García. 

Votación
1 votos
Comentarios

A SGAE insiste na súa presión para que o comercio pague pola música