«Serramoura» gaña o premio Mestre Mateo á mellor serie

Javier Becerra
javier becerra A Coruña / LA VOZ

CULTURA

Marcos Míguez

«Vos fenómenos» triunfa cos galardóns a mellor filme, dirección e guion

12 abr 2015 . Actualizado ás 10:45 h.

Serramoura, a serie producida por Voz Audiovisual e que emite a TVG, logrou o premio Mestre Mateo á mellor serie televisiva. Deste xeito, a Academia Galega do Audiovisual recoñece a calidade do thriller rural ambientado no sector madeireiro e que logrou excelentes resultados de audiencia. A serie, que conta co respaldo masivo do público galego e un intenso movemento nas redes sociais, prepara xa a súa segunda tempada.

No palmarés xeral houbo dous claros vencedores. Por unha banda o filme Vos fenómenos, de Alfonso Zarauza, que logrou catro dos once premios a que estaba nomeado. Así, levou o galardón á mellor longametraxe, guion, dirección e mellor interpretación feminina de repartición. A outra triunfadora foi A esmorga, cinta de Ignacio Vilar, que partía con 16 nomeamentos e logrou seis premios, case todos do apartado técnico. Concretamente, os de mellor maquillaxe, música, vestiario, dirección de fotografía, dirección de arte e interpretación masculina.

A gala estivo conducida polo showman Roberto Vilar, que quixo facer unha chiscadela ao sector do mar no arranque. Tras pasar unha peza audiovisual en que unhas mariscadoras atopaban unha figura do Mestre Mateo, rematou por incorporalas ao escenario. Tratábase dun grupo de mariscadoras do Burgo, aplaudidas pola audiencia.

O caso de Angrois e o IVE cultural protagonizaron as reivindicacións dos gañadores

Os responsables do documental Angrois non esquecemento, o Colectivo Audiovisual Lentes Diverxentes, aproveitaron o seu discurso para esixir unha revisión do caso do tráxico accidente ferroviario. Na súa intervención, unha das responsables reclamou «que se cree unha comisión de investigación na que se depuren responsabilidades». E insistiron en continuar demandando xustiza e memoria para as vítimas.

Por outra banda, varios dos premiados mostraron dun modo curioso o seu rexeitamento á xestión do IVE cultural por parte do Goberno. Ao comezo da gala, Roberto Vilar suxeriu que, para non perder tempo, quen se quixese manifestar respecto diso fixese un peite. Varios secundárono. Tamén houbo reivindicacións relativas á TVG como servizo público. Marga Pazos dixo que o público era o propietario da canle e, xa que logo, debía esixir.

Antonio Mourelos: «Grazas por ser un público sen complexos»

O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos, centrou o seu discurso na audiencia. Alleo a polémicas e tras expresar o seu agradecemento a «organismos públicos, entidades colaboradoras, patrocinadores», dirixiuse de xeito especial a quen están fronte á pantalla apoiando a produción audiovisual galega. «Queremos mandar unha aperta especial, en forma de discurso -señaló-, a todos os que seguides os nosos traballos desde hai xa uns cantos anos, seguramente mais de trinta, a través das pantallas de cine, da televisión pública ou das privadas, das locais, a través de distintas emisoras de radio, desde as redes sociais, a través de cine-clubes, festivais, mostras...». Na mesma liña, Mourelos abundou: «A vós queremos agradecervos, de todo corazón, que sigades aí. Sodes o país definitivo sobre o que se asentan as nosas ansias de contar historias, as nosas... as vosas historias. Pero, sobre todo, grazas, como lle escoitei dicir non hai moito a un compañeiro, por ser un público sen complexos». Xa ao final, Mourelos recorreu a unha cita cinéfila extraída do filme de François Truffaut A noite americana, a dun personaxe que, ao referirse ao oficio do actor, dixo: «Nós nacemos para ser felices facendo o noso traballo».

Cálido premio para Fely Manzano

A actriz Fely Manzano (Ourense, 1942) foi a homenaxeada desta edición co premio de honra. Coñecida polo gran público grazas ao seu papel na serie Pratos combinados, obtivo onte á noite o cálido recoñecemento da Academia Galega do Audiovisual. O galardón recibiuno de mans de Mabel Rivera, que traballou con ela na citada serie. Ante os seus compañeiros de profesión, Manzano agradeceu as mostras de cariño e mostrou o seu firme empeño de seguir adiante. Ademais de Pratos combinados, a veterana actriz participou en filmes como Urxa, A lingua das bolboretas, O agasallo de Silvia, A rosa de Alexandría ou Un franco, 14 pesetas. Tamén acumula unha dilatada carreira no teatro, onde interpretou textos de autores como Val, Chéjov, André Breton, Fassbinder ou Sartre.

Palmarés

Mellor longametraxe: Vos fenómenos (Zircocine) 

Mellor serie: Serramoura (Voz Audiovisual)

Mellor interpretación masculina: Antonio Durán «Morris» (A Esmorga)

Mellor interpretación feminina: Mabel Rivera (Pazo de familia)

Mellor dirección: Alfonso Zarauza (Vos fenómenos)

Mellor guion: A. Zarauza e Jaione Camborda (Vos fenómenos

Intepretación masculina de repartición: Antonio Durán «Morris» (O Códice)

Interpretación feminina de repartición: Ledicia Soa (Vos fenómenos)

Mellor música orixinal: Zeltia Montes (A esmorga)

Mellor dirección de fotografía: Diego Romero  (A esmorga)

Mellor longo de animación: Maimiño (Ficción Producións)

Mellor anuncio publicitario: Alarma, xa é Nadal (Algarabía)

Mellor realización de televisión: Diego Guerrero e Marcos Estebo (por Cos pés na terra)

Mellor programa de televisión: Zig-Zag diario (TVG)

Mellor vestiario: Mar Fraga (por A esmorga)

Mellor comunicador televisivo: Marga Pazos (Telexornal mediodía)

Mellor videoclip: Garden's Road (de Miss Movies)

Mellor curtametraxe: Unary (de Elena Oliveirais)

Mellor serie web: O método sueco (Porco Bravú)

Mellor documental: Angrois non esquecemento

Mellor dirección de produción: Toni Veiga (Schimbare)

Mellor son: David Machado (Schimbare)