
As instalacións poderán abrir no último trimestre do 2026
18 jul 2025 . Actualizado á 16:44 h.SyC Applus, concesionaria do servizo de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) en Galicia ata o 2027, porá en marcha, previsiblemente no catro trimestre do 2026, un Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico (CDT) nas súas instalacións de Sada. Este centro permitirá adaptar os servizos de control dos vehículos aos cambios no sector, que aposta por motorizacións híbridas e eléctricas e polo uso cada vez máis estendido dos vehículos de transporte persoal.
Este Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico estará integrado no recinto que SyC Applus ten en Sada para realizar as probas da ITV. O edificio terá 1.247 metros cadrados cun taller para o desenvolvemento de proxectos de investigación e unha liña de inspección experimental, xunto a unha pista para realizar probas. A súa posta en marcha permitirá crear unha vintena de postos de traballo.
O centro, que está pendente da concesión da licenza municipal, disporá dun laboratorio de datos que utilizará ferramentas de intelixencia artificial para crear aplicacións para administracións públicas, particulares, ITV, fabricantes de vehículos, aseguradoras e talleres. Tamén reforzará o estudo da seguridade dos vehículos eléctricos e unha análise do estado das súas baterías.
Entre os proxectos que se desenvolverán nas instalacións de Sada destaca o referido á validación dos sistemas de axudas á condución, os vehículos autónomos e os de mobilidade persoal. Tamén deseñará análises avanzadas de emisións de gases e partículas, traballando na validación electrónica e na compatibilidade electromagnética dos vehículos.
Richard Bartlett, CEO de Applus, destacou na presentación deste proxecto, celebrada nas dependencias da Xunta en Santiago, que a súa implantación en Galicia responde á aposta autonómica pola innovación e á política de apoio das distintas administracións á captación de talento. «Os galegos investigan, innovan e desenvolven en industrias principais e auxiliares. Boa parte do mundo viaxa en coches galegos, navega en barcos galegos e viste roupa galega. Estamos nunha comunidade netamente industrial na que un centro de investigación como o que imos implementar aquí en Sala encaixa á perfección», resaltou Bartlett.
María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía, afirmou que a Xunta desenvolve unha «política absolutamente amigable co investimento e cremos que esta é o único xeito de facer crecer a Galicia». «Esta unha oportunidade única para situarnos e situar Galicia na vangarda da tecnoloxía, nun sector clave para a economía do sector», engadiu
«O centro converterase nun punto de formación especializada para profesionais do sector e posicionará a Galicia como líder en comercio», sinalou un dos membros do equipo de enxeñeiros de Applus que traballa no desenvolvemento deste espazo tecnolóxico.
No acto de presentación tamén participou o alcalde de Sada, Benito Portela, acompañado de membros da corporación de distintas siglas.