Taxistas de Sada contra o algoritmo de Google

Dolores Vázquez SADA / LA VOZ

SADA

dores vázquez

O buscador sitúa de primeiro a un profesional local no canto da parada. O alcalde anuncia que prepara unha ordenanza para regular o sector no municipio

08 ene 2020 . Actualizado ás 20:31 h.

O sector do taxi está revolucionado en Sada. A orixe da discordia está en que Google sitúa mellor a información dun profesional particular que a da parada que atenden todos, polo que se produciron queixas, que xa trasladaron ao Concello e que levaron ao alcalde, Benito Portela, a anuncia r unha ordenanza para regular o sector. Desde o consistorio reclámase aos profesionais que se ocupen da parada en todo momento, tamén pola noite, pero algúns taxistas aseguran que non resulta rendible porque agora todo o mundo opta por chamalos vía teléfono móbil e o primeiro número que sae en Google, o buscador máis utilizado, non é o da parada situada nun lateral da Terraza senón o dun taxista que decidiu ter presenza na Rede. Non só iso a súa información leva a unha dirección particular, que non corresponde con onde se agrupan.

«Ao final quen reparte as viaxes acaba sendo el, en vez da parada», sinala un dos taxistas afectados, que recoñece que aínda que ese profesional deriva algunhas carreiras a compañeiros entende que supón unha competencia difícil de vencer.

Posible solución

O sector en Sada, onde hai 20 licenzas, non conta cunha asociación como Radio-taxi ou Tee-taxi que agrupe o servizo, senón que atenden as chamadas na parada e tamén nos seus teléfonos particulares. Unha entidade dese tipo serviría para evitar este tipo de problemas, xa que acabaría o servizo directo, pero, ata o momento, ninguén impulsou esa medida, aínda que a maioría dan a entender que evitaría os problemas que se denunciaron nos últimos meses.

Realmente o algoritmo de Google prima a Taxi Sada Número 10, o de José Antonio Ferreiro, que rexistrou o dominio taxisada.com, onde anuncia unha atención 24 horas e permite realizar reservas desde a súa páxina.

«En ningún momento publicito a parada de taxis de Sada, non teño publicidade en Google, só creei unha páxina para ofertar os meus servizos e algo tan sinxelo coma iso. A parada sae, pero situada máis abaixo. Son autónomo coma eles, e tamén o poden facer», replica este profesional, que circunscribe as queixas a unha minoría dentro do colectivo e vincula a súa posición en Google a un recoñecemento a que presta o servizo e ás valoracións.

«Que é isto senón unha tarxeta 2.0, a actividade antiga dos taxistas era entregar unha tarxeta e eu teño unha en formato dixital», indica respecto da súa presenza na Rede e asegura que o único que fixo é «adaptar o sector do taxi as novas tecnoloxías». Ferreiro insiste en que «hai que andar cos tempos» e di que aínda que «nos pobos pequenos o que funcionan os teléfonos móbiles dos taxistas, o máis lóxico sería entrar nunha plataforma para un Concello de 16.000 habitantes, coma este». Cre que evitaría este tipo de suspicacias. «O sector ou se adapta as innovacións tecnolóxicas ou está morto», estima, aínda que recoñece que é máis difícil nas poboacións pequenas.

Regular o sector

As queixas dos taxistas levaron a celebrar nos últimos meses dúas reunións co rexedor e xa quedaron emprazados a unha terceira. Portela, que indica que intentarán que haxa un acordo e estima que a publicidade tería que ter sido conxunta do sector no seu día, afirma que «é necesario un regulamento para lograr un servizo público de maior calidade». O rexedor explica que xa traballan na ordenanza e que intentarán tela canto antes.