A nova vida do enxoval do Avenida

Pablo Portabales
Pablo Portabales A Coruña / LA VOZ

O PULSO DA CIDADE

A renovación do hotel, a cargo da decoradora Belén Sueiro, fixo posible a doazón das pezas do comedor e os cuartos a Cáritas e á Fundación Fogar de Santa Margarita

27 ene 2020 . Actualizado ás 01:40 h.

Mil pratos, pocillos e copas. Pero tamén roupa de cama para uns 70 cuartos, manteis... O hotel Avenida está en pleno proceso de renovación das súas instalacións. De feito, os 75 cuartos do establecemento, agora de tres estrelas superior, acaban de ser totalmente renovadas, incluída toda a roupa, obviamente. Tamén se cambiou o enxoval. Ao tratarse de gran cantidade de material, a dirección do hotel decidiu doalo a Cáritas e á Fundación Fogar de Santa Margarita . Tres pisos no que dan acubillo a xente necesitada, o centro de maiores Meu Lareira e moitas familias particulares saen beneficiadas desta achega solidaria. É a nova vida do enxoval do Avenida. O hotel fundado en 1989 por José María Blanco Silvariño e a súa muller, Carmen CastiñeiraVeciño , tamén experimentará unha nova vida neste 2020. «En abril agardamos ter listos o hall e os salóns porque o restaurante e a cafetería reformáronse en setembro. A fachada calculamos que poderemos estreala en marzo. Imos darlle unha nova pel ao edificio e vanse a instalar unhas estruturas verticais de aluminio que achegarán un aspecto máis moderno e vangardista ao inmoble. A fachada deseñouna Marcos Samaniego e toda a renovación leva a firma da decoradora Belén Sueiro», destaca José Blanco, fillo dos fundadores. Os seus pais, naturais de Zas, tiveron dous restaurantes no Rio de Janeiro que máis adiante venderon, e instaláronse na Coruña, onde rexentaron o local A Peneira. Hai 31 anos abriron o Avenida. O vello hotel seguirá vivo grazas á solidariedade. O novo pronto lucirá en todo o seu esplendor.