Un feixe de grelos a domicilio

María Viñas Sanmartín
María Viñas REDACCIÓN / LA VOZ

OZA-CESURAS

CESAR DELGADO

Ou a leituga que cultiva Josefa, ou o queixo que elabora Víctor ou unha bica horneada pacientemente por Teresa . A Casa da Aldea é unha tenda gourmet «online» na cal conseguir produtos frescos, consentidos e de máxima calidade

15 abr 2018 . Actualizado ás 18:21 h.

A cambio da prosperidade que nos prometeu o asfalto e a vida en comunidade, resultona, compensatoria, o éxodo rural esixiunos certas renuncias lixeiras, das que en xeral ninguén se queixou. Pero houbo unha, especialmente atragantada, da que os fillos da aldea aínda non conseguiron reporse: a de prescindir da despensa á intemperie a pé de casa, a de recoller un par de tomates do horto, unha leituga húmida, un puñado de patacas con restos de terra e algún que outro ovo do curral e, en dez minutos, mesturar e axitar, preparar unha zumenta tortilla e unha ensalada con sabor a ensalada, das que xa apenas se lembran. Os de cidade e tamén aqueles asentados máis aló de Pedrafita vagan, orfos, interrogando a amigos e compañeiros de traballo sobre posibles veciños con casa no pobo aos que converter nos seus particulares provedores de excedente fresco. «Cada vez que cociñaba algo con produtos orixinais, algún amigo que vivía en Barcelona ou en Madrid, ou en calquera outra cidade grande, sempre me preguntaba onde podía el conseguir iso», cóntame José Luis Gómez para explicarme como se lle ocorreu pór en marcha unha tenda gourmet online nunha auténtica casa de aldea. Onde mellor. Que outro nome máis apropiado que ese.

A Casa da Aldea naceu como idea no 2012, como proxecto con forma definida no 2013 e como negocio dous anos despois, no 2015. Hoxe supera os 1.200 usuarios rexistrados, crece de forma constante e sostida, e está a piques de pechar unha campaña de crowfunding posta en marcha co principal obxectivo de internacionalizar o seu potente modelo de negocio. Potente por que se non deixa de ser un portal de venda de produto? Que diferenza hai entre o que fai este equipo desde Cesuras e o que xestionan as divisións .com das grandes cadeas alimenticias? A implicación, o mimo e, especialmente, a calidade é a resposta máis rápida. O valor do tradicional, do produto elaborado por autores que se manchan as mans, de froitos, verduras, tubérculos ou lácteos con historias particulares. Con nomes e apelidos.

«A aposta por este sector estaba clara desde o principio -apunta Gómez-, porque viamos que se está producindo un cambio fundamental no comportamento do consumidor occidental: o obxectivo número uno xa non é a que destino exótico pode ir ou canto de grande pode ser o seu barco de recreo, para moitos hoxe é máis importante como conseguir a máxima calidade de sabor e saúde na súa cociña. E isto, ademais, vai acompañado do reclamo dunha ‘experiencia gastronómica', para o que é imprescindible contar cun relato dispoñible que o permita». «A maioría de nós somos defensores do menos é máis -engade-. Menos cantidade, pero máis calidade, máis sabor, máis rendibilidade e máis sustentabilidade».

A aldea, continúa Gómez, é o epicentro da produción de obras gourmet en todo o mundo. E non só porque é onde están os mellores ingredientes, senón tamén porque é aí onde se atopan os padais máis experimentados para valorar autenticidade e sabor. Conscientes disto, o equipo da Casa da Aldea, formado por catro profesionais multidisciplinares e un grupo de colaboradores independentes, leva a cabo periodicamente o que eles chaman «catas para valorar obras e autores», reunións con diferentes grupos de persoas nas que se comproba se o produto cumpre rigorosamente os seus parámetros de elaboración, que sempre deberá ser absolutamente natural.

O produtor leva sobre o 40 % do que se paga polo quilo Hoxe colaboran coa casa uns 75 produtores que Gómez prefire chamar «autores». Acceder aos seus nabizas, empanadas, embutidos ou sardiñas gran reserva é, para o cliente, relativamente sinxelo: un par de clics e, nun só día, xa na súa neveira. O que hoxe pola mañá se recolle na leira, envíase pola tarde e mañá mesmo está en casa de quen o comprou, en calquera punto da península. «Ninguén pode ter algo máis fresco, a non ser que o cultive». E que tería que facer aquel que cultivase uns marabillosos tomates para entrar neste circuíto? «Fariamos un primeiro pedido para comprobar o produto, iriamos á súa casa a descubrir como traballa e a escoitar a súa historia -ilustra Gómez-. Se o proceso é positivo recolleriamos a mercancía e o produtor percibiría unha porcentaxe por cada quilo, un 40 % do que o señor de Sevilla que o pediu abonará». Hai luxos que só se entenden como tal na distancia, xa sexa en anos ou en quilómetros, cando un comeza a botalos de menos.

As claves

1.  Nun día. Desde que un cliente fai o pedido ata que chega á porta da súa casa nunca pasan máis de 24 horas. A calquera punto da península.

2. As historias. Detrás de cada produto hai unha historia particular, unha ou varias persoas que o cultivan ou o elaboran. A Casa da Aldea cóntacho, apostando pola proximidade, o artesanal e o local.

3. O máis demandado. Patacas, verzas, grelos, leitugas, pementos, tomates, empanadas, embutidos, queixos, repostería e viños, tanto tintos como brancos.

4. O insólito. Teñen usuarios australianos, pedidos desde Minnesota e cada vez máis fan envíos a Europa. Consideran a aldea un concepto global, non só galego. E xa contan con algunha obra que se elabora fóra, como un aceite andaluz ou un café da Sierra de Dipilto, en Nicaragua.