As piscinas e os turistas volven deixar sen auga o alto de Bastiagueiro

Toni Silva OLEIROS / LA VOZ

OLEIROS

MARCOS MÍGUEZ

O Concello de Oleiros anuncia cambios nos próximo días para minimizar os episodios

31 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

No alto de Bastiagueiro, o verán é sinónimo de seca . Os veciños dos pisos altos da rúa Nenos volven sufrir unha baixada repentina da presión. Ana Guajardo considera que se discrimina aos residentes habituais con respecto a outros chalés con piscina que só habitan a casa na época estival. Os seus problemas tradúcense ademais na avaría de varios electrodomésticos, aos que a baixada de presión ou a falta directa de auga pilloulles en pleno funcionamento. «Teño estragada a lavadora, tamén a caldeira… agora tócame facer un investimento de 2.500 euros, así todos os veráns», quéixase. Asegura que xa é coñecida nas dependencias de Sergesco , a compaña que xestiona a auga en Oleiros , e que esta mesma semana tivo unha reunión co concelleiro de Obras, Antonio Molina. «Aquí todo o mundo se lava as mans», ironiza. «Se o Concello me segue cobrando os recibos pero non me garante a auga, entón debería abonar o pagamento dun grupo de presión para poder emendar o noso problema», estala esta veciña de Oleiros, que ten o piso alugado. «A miña inquilina xa dixo que se marcha, que non pode estar así sempre con estes problemas de auga no verán», relata. Nos últimos anos xa se apuntaba a unha obra de Sarro, na parroquia de Nós, como o fin de todos os males que sofren os veciños da Rúa Nenos na época estival, onde hai anos había unhas bombas de presión que acabaron sendo retiradas.

Transparencia municipal

Desde o Concello de Oleiros aseguran que «os veciños están a ser informados en todo momento dos pasos que dá o Concello». «Nos próximos días, vanse realizar unha serie de cambios e modificacións para tentar reducir os episodios puntuais de falta de presión», engaden fontes municipais.

Precisamente onte o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, anunciou na emisora Radio Voz unha reunión coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, xunto cos rexedores de Cambre , Sada, Bergondo, o presidente da Deputación e Emalcsa para abordar «de maneira conxunta» a distribución da auga na comarca.