Eduardo Guillén, propietario de Albarari: «O que nos fai singulares é ter estas burbullas para as estancias da noite»

amase fontao / C.A. OLEIROS / LA VOZ

OLEIROS

Eduardo Guillén nunha das burbullas astronómicas que a súa empresa oferta en Oleiros.
Eduardo Guillén nunha dás burbullas astronómicas que a súa empresa oferta en Oleiros. ANGEL MANSO

Conta con dous complexos destas características, un en Oleiros e outro en Sanxenxo

26 jul 2021 . Actualizado ás 17:33 h.

Se preguntaramos a alguén que pasara unha noite nun dos complexos cos que conta Albarari, diríanos que estivo nun aloxamento con moitas estrelas. Concretamente, con todas as do firmamento que se ven dende as camas das súas burbullas.

-Veñen de gañar o premio PEL da Deputacion da Coruña á mellor iniciativa empresarial innovadora. Que diferenza a Albarari?

-Para nós foi moi importante ter ese recoñecemento, puxo un broche de ouro a toda unha traxectoria. A singularidade do noso modelo de negocio é que non somos un aloxamento turístico senón unha empresa adicada a achegar a astronomía aos visitantes. O que nos fai singulares é ter estas burbullas para as estancias durante a noite.

-Teñen patentadas as burbullas. Son difíciles de manter?

-Carecen de estrutura e mantéñense inchadas pola presión de aire dunha bomba. Teñen toda unha cúpula que permite observar o firmamento cun ángulo de 360 graos incluso estando deitado na cama. Están aclimatadas, teñen as condicións para que non se pase nin frío nin calor dentro. O mantemento é moi exhaustivo, temos un programa de diario.

-Teñen un complexo en Sanxenxo e o outro en Oleiros. Por que escolleron estas ubicacións?

- Buscamos sempre lugares con tirón turístico e que haxa xente disposta a visitar. Estar preto de núcleos facilita que veña xente. Tamén dentro da proximidade a vilas ou cidades importantes, procuramos espazos onde as condicións de escuridade se poidan manter para evitar a contaminación lumínica e que se poida observar mellor o ceo.

- Neste momento pandémico, notaron que a xente busca máis plans lonxe de aglomeracións, como a estancia nas súas burbullas?

-Non temos referencias do que é o turismo de masas, porque non nos adicamos a iso, pero efectivamente a xente intenta ir a sitios máis retirados agora. Ao estar ubicados en zonas máis afastadas das aglomeracións facilítanos ter máis visitantes. Tamén, ao ser unha experiencia diferente ao que é o turismo tradicional, ten máis tirón.

-Pódese desfrutar igual a burbulla aínda habendo mal clima?

-Loxicamente a vivencia da experiencia é moi importante, entendemos que sempre e cando se poida vivir, porque non sempre temos o ceo cuberto toda a noite, soe haber clarescuros… Dende a posta de sol até a saída hai tempo de desfrutar de moitos fenómenos. É certo que no inverno, cando veñen cicloxéneses, temos nós a cautela de ofrecer un cambio de data ou incluso da cancelación.

-Está enfocada a súa actividade a parellas?

-A nosa experiencia tiña esa esencia de escapada para vivir en parella. Pero a miña parella e eu somos pais de catro nenos, así que non podemos pecharnos a este colectivo, tan interesado na astronomía. Facemos unha diferenciación no calendario entre as estancias para parellas e familiares. Cando temos estancias en familia, ampliamos a capacidade das burbullas con tendas tipo iglú adicionais para que os pequenos tamén poidan desfrutar do seu momento e do seu espazo.

-Cantas persoas conforman Albarari a día de hoxe?

-O equipo foi crecendo, tanto na parte do grupo de mantemento coma na de monitores. Agora temos pola noite tres persoas adicadas a axudar co uso dos telescópios aos nosos clientes e despois temos unha asesora científica, astrofísica, que é Isabel Rebollido que traballa sobre todo nas actividades grupais. Agora mesmo está nos Estados Unidos, traballando na NASA, pero para nós é un referente co que contamos. Agora mesmo somos doce ou trece persoas en total e oxalá para o ano que vén poidamos seguir medrando e incrementando a actividade educativa astronómica, que é a nosa motivación principal.

«Soñando baixo as estrelas no deserto de Dubai pensamos en como traer algo así a Galicia»

Unha piloto comercial e un doutor en economía, afeccionados á astronomía e pais de catro nenos. Esta é a parella que creou os dous complexos de burbullas astronómicas. Paula Soutullo é natural de Sanxenxo e Eduardo Guillén, da Coruña. Fundaron en conxunto a empresa Albarari, cuxo nome vén do árabe e cuxo significado evoca á vida na natureza.

-Como nace o proxecto, de onde lles vén a idea?

-Os promotores da idea, somos a miña parella, Paula Soutullo, e máis eu. Vivindo fóra de España tivemos a ocasión de coñecer proxectos similares, neste caso nos Emiratos Árabes, que foi onde residimos por moito tempo. Aló durmimos nunha haima no deserto, vendo as estrelas… Soñando aquel día baixo as estrelas no deserto de Dubai, comezamos a pensar en como traer algo similar a Galicia. A haima aquí non pegaba moito, entón estivemos buscando outros formatos e demos coas burbullas.

-Como inflúe o traballo de Paula coma piloto en liñas aéreas a esta vocación que teñen polo ceo?

-Sempre di que voar por amais do océano Índico con total nocturnidade é un motivo de entretemento contínuo. Imaxina tantas horas no avión vendo estrelas fugaces cada dous por tres. Coincidiulle estando moi preto a caída dun satélite ruso ou chinés haberá dous ou tres anos, que ao entrar na atmósfera deixa o rastro coma se fose unha estrela fugaz. Nese momento na cabina do avión foi espectacular o que se escoitou, porque todos os pilotos que estaban nese lugar e nese momento estaban alucinados e falaban todos á vez pola radio pola que están conectados. Ademais dos coñecementos sobre navegación aérea, as experiencias que un pode vivir na cabina dun avión son incribles.