Todo o mundo quere unha piscina na área da Coruña

Elena Silveira
Elena Silveira A Coruña / LA VOZ

OLEIROS

Carlos Vilas, responsable de Multiocio Galicia S.L
Carlos Vilas, responsable de Multiocio Galicia S.L ANGEL MANSO

As empresas instaladoras acumulan listas de espera ata xullo do 2022

21 jun 2021 . Actualizado ás 13:52 h.

O covid marcou un antes e un despois na demanda de vivenda. Moita xente que residía nos núcleos urbanos trasladouse a casas illadas en zonas rurais ou unifamiliares con xardín. O verán pasado tamén se notou un incremento na petición de licenzas para construír piscinas en vivendas particulares. Pero este 2021 foi un verdadeiro bum: «Hai moitísima demanda. É unha verdadeira tolemia. De feito, as empresas instaladoras non dan abasto e moita xente acordouse xa tarde de solicitar os permisos e os orzamentos, co que non poderá ter a piscina rematada para cando agardaba», comentan desde un estudo de arquitectura que traballa moito no municipio de Oleiros. Engaden que as tramitacións administrativas levan o seu tempo, polo que as licenzas que non se obtiveron agora, co parón das vacacións, seguramente tamén terán que agardar ao mes de setembro ou outubro.

Pola súa banda, Carlos Vilas, responsable da empresa Multiocio Galicia S.L., confirma que teñen «moitísimo traballo» e que non poderán aceptar máis encargos ata xullo do 2022. «Si, pódese dicir que hai lista de espera. De feito, deixamos de contratar obras porque sería imposible cumprir o prazo que pedía o cliente». Lembra que durante a época máis dura do confinamento polo covid o sector estivo totalmente parado. «E cando se empezaron a relaxar as medidas, o traballo chegou todo xunto. Desde ese momento as solicitudes de orzamento foron continuas e temos traballo garantido para moito tempo». Iso levoulles a unha ampliación de persoal e a rexeitar traballos en moitos puntos da provincia. Vilas explica que gran parte dos seus clientes pertencen aos municipios de Oleiros, Cambre, Culleredo, á zona da Zapateira e á área metropolitana de Santiago. Indica tamén que a demanda se disparou porque os propietarios de vivendas particulares agora queren ter unha piscina na súa parcela: «De feito, nós instalamos máis piscinas en soares con casas xa feitas que en parcelas de nova construción». Vilas explica que o bum do sector está ligado tamén á nova construción, xa que as novas urbanizacións que se están facendo xa non inclúen unha piscina comunitaria para toda a veciñanza, senón que, agora, cada chalé leva a súa piscina propia.

Máis demanda que no 2020

Ignacio Carranza Landa, director da tenda Leroy Merlin da Coruña, asegura que o bum das piscinas é moito maior este ano que o verán pasado, cando a poboación saía do confinamento. «Se no 2020 aumentamos as vendas un 50 %, agora subimos outro 50 % con respecto ás do ano pasado», confirma.

Explica que non só teñen altísima demanda para proxectos de construción de piscinas que implican escavación e licenzas municipais, senón tamén das que se instalan en superficie. «Somos moi poucos distribuidores os que temos mercancía, porque hai un problema coas subministracións que chegan de China e non podemos satisfacer toda a altísima demanda que hai». A situación chega ata tal punto que «o outro día chegou á tenda un chinés e comprou 30 piscinas de diferentes formas para despois revenderlas».

Carranza indica que tamén se disparou todo o que ten que ver con este tipo de instalacións: produtos químicos, consumibles, cubertas, robots de limpeza... «A demanda é moitísimo máis forte que a do ano pasado, que enseguida nos quedamos sen stock. De todos os xeitos, en previsión do que puidese pasar e ante un previsible exceso de demanda, anticipámonos e abastecémonos con suficiente mercancía.

Explica que unha piscina de superficie pode roldar entre os 2.500 e 3.000 euros. Doutra banda, as que precisan escavación e licenza municipal órzanse desde un mínimo de 7.000 euros. «Este tipo de proxectos requiren máis tempo e máis trámites burocráticos, polo que tardamos máis en rematar as obras. Foi un auténtico bum e ata o próximo ano non poderiamos asumir máis traballo», explica o director da tenda. Por este motivo, moitos particulares decántanse polas piscinas de plástico que se instalan sobre o terreo. «A xente quere gozala xa. Non quere agardar, así que se están vendendo moi ben. Hai unha enorme demanda», insiste. Na tenda Leroy Merlin da Coruña tamén notaron un incremento nos produtos relacionados co xardín e a vida no exterior.

Subida no número de licenzas pedidas aos concellos

Os expertos indican que é moi difícil contabilizar o número de piscinas que hai en cada concello xa que, en moitos casos, requiriría unha revisión catastral para actualizar os datos. En todo caso, o que está claro é que o municipio de Oleiros bate a marca da comarca. En total, teñen 3.049 piscinas rexistradas e esa cifra vai a máis, xa que é un dos concellos onde ha repuntado a construción de vivendas e, en moitos casos, con piscina incluída. Desde o goberno local confirman que no 2020 tramitáronse 113 licenzas para a construción deste tipo de instalacións de lecer. E que no que vai de ano xa se outorgaron 33 licenzas, o que confirma que a tendencia segue en alza.

Tamén no Concello de Culleredo hai unha querenza especial pola construción de piscinas. No ano 2018 rexistráronse sete solicitudes de licenzas para facer este tipo de instalacións. No 2019 foron 11 e no 2020 outras 10. No que vai de 2021 tramitáronse catro licencias, aínda que probablemente moitos veciños tiveron que cambiar os seus plans ante a imposibilidade de telas listas para este verán e optaron por outro tipo que non requira tanta tramitación burocrática.

O Concello de Cambre tamén se ve afectado por esta febre na construción de piscinas. De feito, segundo os datos proporcionados polo goberno municipal, o ano pasado recibiron 19 comunicacións previas relacionadas con este tipo de instalacións. No que vai de ano xa se igualou esta cifra, polo que se estima que a finais do 2021 póidanse ter duplicado as licenzas solicitadas. Na contorna metropolitana, viron incrementada a solicitude de permisos para instalar piscinas nos concellos de Bergondo e Abegondo, onde tamén proliferan as vivendas unifamiliares.