O Santa Cruz xa denunciou á Federación varios campos de fútbol perigosos

LA VOZ A Coruña

OLEIROS

O presidente remite informes e fotografías dos riscos cada 15 días

06 dic 2019 . Actualizado ás 12:19 h.

Aínda que agora se volveu a pór de actualidade, polo accidente do xuvenil do Oroso, o certo é que xa hai tempo que para preocupa o perigo para os xogadores das varandas, muros e demais cercados.

De feito, Eduardo García, presidente do Santa Cruz, conxunto oleirense cuxo equipo de modesto milita na Segunda Galicia, leva toda a tempada enviando cartas á Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), alertando de campos perigosos para a integridade física dos xogadores. «Cada 15 días rexistro un escrito na federación para pedir que fagan unha revisión de determinados campos. Fago fotografías e envíollas para que vexan que non en todos os campos se cumpre coa regulamentación nin coas distancias. Non falo só de varandas. Hai muros ou publicidades tamén perigosas. Hei ir a campos onde as chapas de publicidade aparafusadas aos muros están soltas e son como coitelas como alguén saia disparado cara alí», explica García.

«O meu porteiro chocou nun campo coa cabeza nun muro. Quedou conmocionado e tivemos que levalo ao Quirón. Outro xogador meu pegouse contra o poste dunha desas varandas nos testículos e estivo toda a semana mal, rengueante. Todo isto tamén produce un sobrecusto inmenso á mutua. É necesario tomar medidas de forma urxente. Á marxe das cartas, xa o falei directamente con xente da federación. Un día vai haber unha desgraza e vai haber unha morte. Entón a ver a quen se lle pedirán responsabilidades», advirte o presidente do Santa Cruz.

García dá fe de que a federación galega fai cumprir co lexislado polo Consello Superior de Deportes, no que se refire a distancias cos valos. Pero apunta que este celo só se está tendo á hora da alta de novos terreos de xogo. «Cando inauguramos o noso campo, a federación enviou un inspector a dar fe de que se cumpría a regulamentación. Pero, nos campos vellos? tamén se están revisando?», pregúntase García. «Esta fin de semana volverei ir a partidos e enviarei outra carta por rexistro se vexo algún campo que poida esconder algún perigo», asegura. «Vin muros de formigón a 50 centímetros da liña de banda e isto non pode ser», razoa.

Reportaxe elaborada por Iván Antelo, Jose Valencia, Álvaro Sevilla, Maite Rodríguez, X. R. Castro, Míriam Vázquez, Manuel G. Reigosa e Nieves D. Amil.